Expertos en patrimonio valorarán o estado de conservación das pinturas da ábside románica da igrexa de San Miguel de Campo Lameiro

Nos vindeiros días trasladaranse ata a igrexa de Campo Lameiro expertos en patrimonio para facer as primeiras observacións e determinar o valor e o estado de conservación no que se atopan esas pinturas que foron descubertas de xeito casual polo cura párroco tras caerse unha táboa do altar maior e visibilizarse polo oco os frescos.

A cabeceira románica da igrexa de San Miguel de Campo Lameiro data do ano 1202 e o retablo é de principios do século XIX, obra de Manuel de Vallo, autor das esculturas de acibechería da Catedral de Santiago de Compostela polo que o cura párroco pide que se actúe con coidado e con sentidiño “porque estamos a falar de elementos patrimoniais moi sensibles e de moita importancia”.

Segundo manifestou o párroco, “resulta moi estrano localizar nas igrexas románicas da provincia de Pontevedra pinturas nos seus ábsides polo que sería de interese que expertos en conservación e patrimonio se achegaran ata aquí e comprobaran o estado e mesmo a valía destes frescos que apareceron pintados e por casualidade detrás do retablo maior da igrexa de San Miguel de Campo Lameiro”.

Pola sua banda, o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, agradeceu ao cura párroco que compartira esta novidade e sinalou que este descubrimento prodúcese precisamente nun momento moi especial que está a vivir o concello ao ser seleccionado como un dos 10 finalistas en toda España a ser recoñecido como “Capital del Turismo Rural”.

“Campo Lameiro posúe un enorme legado patrimonial que temos que conservar e mesmo divulgar porque ademais de conformar parte da nosa identidade son elementos fundamentais de promoción turística e dinamización económica. Desde o Concello estamos moi sensibilizados coa conservación do patrimonio arqueolóxico e tamén arquitectónico e relixioso polo que este descubrimento é unha gran noticia da que nos alegramos e nos preocupamos desde o primeiro momento para que reciba o coidado e o tratamento idóneo para a súa axeitada conservación”, sinalou o alcalde Carlos Costa.