Fondo fotográfico: “Prof. Salvador Ares Espada. Unha ollada ó pasado da Diocese compostelana”

  • Hospedería San Martín Pinario
  • Do 24 de xaneiro ao 22 de febreiro de 2023.

O profesor Salvador Luís Ares Espada, eumés nacido no ano 1928 e falecido en 2012, licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Alcalá e obtivo o seu doutoramento no ano 1954 na Universidade de Bolonia ca tese Il Soggiorno spagnolo di Luca Giordano. Posteriormente, no Colexio Español de Munich, formouse en Filosofía. No Seminario Conciliar Compostelán completou o seu currículo cos estudos de Teoloxía, que o levaron a ordearse como sacerdote da diocese compostelá o 4 de agosto de 1963. Ao comenzo da década dos setenta foi nomeado delegado da Comisión Diocesana de Arte Sagrado. Precisamente como membro desta comisión, o xa profesor do Instituto Teolóxico Compostelán e da facultade de Filosofía e Letras da USC, comenzou os traballos para elaborar un inventario de bens mobles da diocese: percorreu as parroquias documentando fotograficamente os bens artísticos que atesouraba cada unha. Este proxecto supuxo un traballo formidable: o profesor Ares Espada elaborou un detallado inventario fotográfico no que se incluíron, ademais de vistas interiores e exteriores dos templos, a relación de retablos, a imaxinería e o enxoval litúrxico.

Mais a cousa non quedou aquí: o fin para o cal foron tomadas estas imaxes marcou un sentido de progresión na súa linguaxe fotográfica; se ben buscaba protexer o patrimonio dunhas parroquias que comenzaban a esmorecer debido ás emigracións económicas da década dos setenta, captou o momento de cambio que vivía a cultura popular en Galicia: nesta década de transformación política, rexurdimento cultural e social, deixou constancia do inicio dese proceso de mudanza na sociedade do país, conseguindo que o fotografado chegase a ser documento gráfico, histórico e mesmo artístico. Velaí os retratos -case psicosociolóxicos- dos veciños das parroquias, que amosan como a súa ollada transitou da mera actitude reprodutiva dos obxectos, as persoas ou os microacontecementos da vida cotiá a unha actitude creativa, facendo certo o aforismo hegeliano de que a estética non está na Natureza, senón que é unha conquista do espírito. A súa obra vai alén do valor documental ou fotoxornalístico e chega a obter unha vocación interpretativa e expresiva innegable.

A Biblioteca e Arquivo Histórico Diocesano levou a cabo durante este pasado ano 2022 un primeiro paso ca dixitalización e catalogación de 6.946 negativos de 35 milímetros da colección composta por 35.000 imaxes; traballo que o Arquivo agarda continuar nos próximos anos. Esta colección fotográfica fora legada polo profesor Salvador Ares ao director do Arquivo Histórico Diocesano, D. Salvador Domato, que a depositou no Arquivo.

Foi precisa unha paciente labor de escaneado para proceder despois ao retoque das imaxes obtidas en soporte dixital mediante programas de edición; unicamente co obxectivo de eliminar po, raiaduras ou mesmo algúns defectos do revelado, aínda que mantendo o espírito das imaxes e conservando incólumes os orixinais.

Mercé á convocatoria do programa de subvencións a fundacións e a entidades sen fins de lucro da provincia da Coruña, titulares de museos, centros de interpretación e bibliotecas para o desenvolvemento de actividades culturais durante o ano 2022 da Deputación da Coruña (FO200/2022) e tamén, sen dúbida, ao apoio, comprensión e paciencia do Excmo. Sr. Arcebispo D. Julián Barrio Barrio foi posible todo o proceso que culmina nesta exposición. Agradecemos asimesmo a Áurea Girón, sobriña do profesor Ares Espada, a súa colaboración.