Este pasado mércores, no cemiterio de Bértoa, en Carballo, rendéuselle homenaxe a quen fora párroco nesta parroquia, Narciso Coello de Portugal. Ante os presentes comparecín en nome do Arcebispado de Santiago, como vicario episcopal da Coruña, para participar neste acto de homenaxe e de memoria agradecida.
Narciso Coello naceu en Pontevedra o 14 de xullo de 1864, na parroquia de San Bartolomeu, e alí mesmo recibiu o bautismo dous días máis tarde. Foi confirmado en 1873 polo cardeal García Cuesta e, tras a súa formación no Seminario, recibiu a tonsura clerical en 1883, o subdiaconado en 1886 e foi ordenado presbítero en 1888. A súa vocación, dende novo, estivo marcada pola fidelidade ao Evanxeo e por un profundo amor ao pobo de Deus.
O seu nome completo —Narciso Luis Xoán Boaventura Carmelo Coello de Portugal— fálanos xa da riqueza da súa historia familiar. Era fillo de Diego Coello Alcázar, natural de Xaén, e de Dolores Osorio; neto de familias con fondas raíces en Galicia e en Andalucía; e estaba emparentado con figuras de relevo na vida política e militar de España. Mais, alén deses lazos familiares, foi sobre todo un sacerdote entregado á súa parroquia e tamén moi próximo á súa xente.
O 22 de decembro de 1894 tomou posesión como párroco de Santa María de Bértoa, parroquia á que se entregou con entusiasmo e visión pastoral. Recibiu unha igrexa recén construída e, con grande sensibilidade artística e fonda fe, enriqueceuse esta con novas imaxes procedentes do obradoiro do escultor Vilariño en Santiago, encargou o retablo maior neogótico ao mestre Joaquín López, e promoveu a romaría de Santa Eufemia e San Lázaro de Bértoa, que se converteu nun sinal de identidade relixiosa e cultural para a comarca.
Pero alén do seu labor arquitectónico, artístico e pastoral, o que especialmente lembramos del é o seu testemuño de humanidade e de fe nun tempo de tebras. Tras o golpe de Estado de 1936, nun contexto de violencia e división, Narciso non mirou ideoloxías nin bandos. Mirou persoas, mirou fillos de Deus. E cando no cemiterio de Bértoa xacían corpos de fusilados, el mandou recollelos, velalos e darlles sepultura digna, con féretros coidados e coa dignidade que merece toda vida humana, mesmo cando se apaga en circunstancias tan crueis. Cumpría así, con valentía, unha das obras de misericordia que a Igrexa sempre venerou: dar sepultura aos defuntos.
Aquel xesto, sinxelo e arriscado, foi profundamente evanxélico. O Evanxeo recórdanos que «o que facedes a un destes pequenos, a min mo facedes» (Mt 25,40). Este sacerdote entendeu que a caridade e a misericordia están por enriba de todo medo ou ameaza. Non se deixou paralizar polo odio, senón que respondeu con compaixón. Por iso, a súa memoria aínda hoxe nos interpela. Non é casualidade que tamén cultivase a poesía, deixando sonetos nos que expresaba a súa sensibilidade espiritual e humana. Nel uníanse a firmeza do pastor, a tenrura do home de fe e a delicadeza do poeta.
Finalmente, tras toda unha vida entregada a Deus e ao seu pobo, finou o 1 de abril de 1945, deixando tras de si unha pegada imborrable nesta terra e na memoria de quen o coñeceu. Ao lembralo, non só facemos xustiza á súa persoa, senón que tamén proclamamos unha mensaxe para o noso presente: precisamos homes e mulleres que, coma el, saiban sementar reconciliación, coidar dos máis vulnerables e non permitir que a dignidade humana se perda, nin sequera na adversidade. En nome do Arcebispado, expreso o noso recoñecemento por este acto de memoria histórica.
A Igrexa non pode nin debe esquecer a quen deu testemuño de humanidade no medio da dor. Hoxe damos grazas pola vida de Narciso, e pedímoslle a Deus que o seu exemplo nos inspire a todos a vivir con compaixón, con xustiza e con esperanza. Remato convidando a un momento de silencio orante en memoria de Narciso Coello de Portugal e de todos os que sufriron aqueles anos. Que o seu legado nos anime a seguir construíndo unha sociedade máis fraterna, en paz e en reconciliación.






