Javier Carballo estréase como cura con 25 anos e 5 parroquias de Rois e Lousame

Con 25 anos, o sacerdote Javier Carballo Mouzo, natural de Vimianzo, acaba de asumir as súas primeiras parroquias: Buxán, Aguasantas e Ermedelo, no concello de Rois, e Vilacoba e Lesende no veciño de Lousame. En todas substitúe a Aureliano Alcalá, falecido.

Javier Carballo foi ordenado cura no mes de xullo e en setembro xa foi presentado nas súas parroquias, nun caso polo vicario e noutros polo arcipreste de Iria e párroco de Padrón, Roberto Martínez, quen tamén foi o seu mestre no Seminario Maior de Santiago. Nel entrou ao rematar os estudos de Bacharelato e pasar o exame de Selectividade, aínda que Javier Carballo recoñece que «a idea xa me viña rondando de antes». Xa fora monaguillo e di que lle «gustou o ambiente, mesmo o cura era un referente para min», sinala.

Tamén axudou a crianza nunha familia que o levaba á catequese e mesmo rezaban o rosario todos xuntos. Entre os antepasados da súa familia tamén houbo sacerdotes, que Javier Carballo non chegou a coñecer en persoa, pero si os ve en fotografías e se refire a eles como «persoas alegres e traballadoras. Para min non era estraño ver curas», afirma.

A familia que, segundo conta, sempre o apoiou, está agora «moi contenta» pola súa ordenación e mesmo xa foi a coñecer as parroquias nas que foi destinado. A primeira impresión nelas está sendo «moi boa; aínda estou coñecendo aos veciños e as súas costumes», conta o sacerdote. «Para min non supón un cambio moi grande porque todo son aldeas e é parecido a de onde veño, en Vimianzo. Adáptome ben», asegura Javier Carballo.

Na súa dedicación, como en moitas, non hai posibilidade de escoller o destino, pero di que «me alegro do lugar que me tocou» e máis por ser designado en setembro, engade, co comezo do curso e da catequese de comuñón e confirmación.

Está gratamente sorprendido polos nenos que suman todas as parroquias e tamén polo ben que están as igrexas, con tellados novos e mesmo cemiterios ampliados nalgún caso. Non sucede o mesmo coas casas reitorais, que «non están para vivir», asegura, polo que residirá en Padrón.

A capital do Sar, ademais, xa a coñece porque nela exerceu dous anos como seminarista. Neste ano santo axudará ao párroco de Padrón na atención aos peregrinos e máis concretamente nas confesións. «Hai moitísima demanda e para min será unha escola para aprender», di.

En canto as súas parroquias, aínda está aterrando pero, ademais de empezar coas catequeses, nas que tamén quere implicar aos pais, o seu desexo é «darlle máis vida ás parroquias», empezando por celebrar misa máis alá da fin de semana. «A ver se é posible facer algunha nos días da semana e que a xente se poida achegar a escoitala», desexa o novo párroco.

Fuente: La Voz de Galicia