Manos Unidas, organización da Igrexa católica dedicada á cooperación co desenvolvemento nos países máis empobrecidos de América, Asia e África, celebrou entre o 7 e o 10 de agosto a VI Escola de Voluntariado, unha iniciativa dirixida a mozos e mozas de 18 a 35 anos que desexan implicarse activamente no voluntariado e na loita contra a pobreza.
O encontro tivo lugar no albergue e nas dependencias do Museo Etnográfico de Teixeiro, reunindo a 15 participantes procedentes das distintas delegacións galegas de Manos Unidas; 3 de Mondoñedo-Ferrol, 7 de Santiago, 2 de Coruña, 1 de Pontevedra, 1 de Lugo e 1 de Vigo.
Ademais, integráronse tres mozos migrantes (dous de Senegal e un de Mali), que actualmente residen e traballan na Asociación e empresa de inserción socio-laboral A Raiña-Paraíso, en Vilasantar, achegando unha perspectiva enriquecedora ao diálogo intercultural.
Durante catro días, os mozos e mozas participaron en obradoiros, actividades prácticas e momentos de convivencia, con propostas tan diversas como:
- Encontro interxeracional co grupo de maiores que se reúne cada xoves en A Raíña, compartindo experiencias de vida e valores.
- Xogo formativo sobre cooperación internacional, deseñado por Paco Raigón, voluntario e experto en desenvolvemento.
- Acción voluntaria na asociación A Raíña, baixo a coordinación das persoas migrantes participantes.
- Cine-fórum coa proxección do filme El 47, que abriu un intenso diálogo dimanizado por Xosé Cuns sobre migracións, vivenda e dereitos sociais.
- Saída pola natureza e obradoiro medioambiental na carballeira e lagoa de Sobredo, con José Mª Pérez, experto en produción ecolóxica.
- Visita á horta do Mosteiro de Sobrado e obradoiro de xabrón artesanal con Marta de Millo e Landras (granxa ecolóxica), reflexionando sobre sustentabilidade, artesanía e autocoñecemento.
- Encontro con Victor Naveira en Cabrui, visitando o proxecto da Raiña acompañado con oración e música compartida con participantes musulmáns.
- Obradoiro de teatro para a acción social, coordinado por Paco Cotelo, delegado de A Coruña.
A Escola contou tamén coa colaboración dun equipo de voluntarias galegas maiores, que se encargaron das comidas, intendencia e organización práctica, facendo posible a convivencia.
Segundo destacaron desde a organización, o obxectivo desta experiencia é formar, sensibilizar e implicar á mocidade no compromiso solidario, promovendo valores como a cooperación, a xustiza social e o coidado do planeta, exercendo accións voluntarias en diferentes escenarios do territorio galego.






