Comezamos o mes de outubro, no día en que facemos memoria de Santa Teresa de Lisieux, cunha invitación moi especial: lembrarnos de cal é a nosa misión, anunciarlle ao mundo enteiro que Deus nos ama profundamente a todos e cada un de nós.
A mensaxe do papa Francisco (podes ler aquí) para o Domingo Mundial das Misións deste ano, anímanos a ser “Misioneiros da esperanza entre os pobos”, lembrándonos, a cada cristián e á Igrexa universal, a urxencia de recuperar a vocación fundamental de ser mensaxeiros e construtores da esperanza, seguindo as pegadas de Cristo.
Así mesmo, o papa León, no encontro das Obras Misionais Pontificias do pasado maio, invitaba aos directores nacionais congregados (podes ler aquí), a promover o celo apostólico, pois é esencial para a renovación da Igrexa e do mundo, que vive ferido pola guerra, a violencia, a inxustiza. Non podemos permanecer indiferentes: temos unha misión, anunciar o amor de Deus e experimentar o poder reconciliador da graza de Cristo.
Todos os días pero, moi especialmente neste mes de outubro, queremos animar ás comunidades a que se sintan partícipes desta tarefa tan importante da Igrexa. Na nosa diocese temos unha longa tradición misioneira e a colaboración de todos é fundamental para que os misioneiros e misioneiras poidan continuar a súa encomenda alá onde se atopan.
Na seguinte ligazón pode consultarse a memoria diocesana da Delegación Episcopal para as Misións no ano 2024: https://archicompostela.org/wp-content/uploads/2025/08/MEMORIA_2024_Misiones.pdf.
Delegación para as Misións






