Mons. Francisco Prieto cos axentes de pastoral de Arousa

Hoxe reunínomos, en Castrelo, os axentes de pastoral que nos vimos formando na Escola
de Catequistas dende hai algunhas décadas, acompañados por algúns sacerdotes que
apoian e acompañan esta realidade en Arousa, que despois do Sínodo diocesano, se
adheriu á EDAP.

O tema da xornada foi a sinodalidade, e o encargado de conducila formación e posterior
diálogo foi o noso bispo auxiliar, don Francisco José, ao que lle agradecemos a súa visita e
dispoñibilidade para compartir con nós esta mañá.

Despois de poñernos á escoita do Espírito, rezando xuntos, lembrando o noso Bautismo e
agradecendo os dons recibidos de Deus, pasamos ao momento de traballar: escoitando
tódalas ideas que don Francisco nos presentou e compartindo en grupo as dúbidas,
inquedanzas e esperanzas, que o tema da sinodalidade nos suscitou.

O Sínodo non nos é alleo: todos nos sentimos partícipes da Igrexa, a todos nos ocupa e
preocupa a misión que nos compete atendendo á diversidade que debe existir dentro da
unidade. A Igrexa é o noso fogar e escola de comuñón, como nos dixo don Francisco,
lembrando ao papa Xoan Paulo II. Habemos de manternos á escoita, atentos ao que Deus
quere para cada un de nós na Igrexa, para que, deste xeito, todos poidamos contribuír á
construcción dunha Igrexa máis sinodal, unha Igrexa na que o pobo de Deus camiñe
xuntos, aínda que cada un vaia ao seu ritmo.

Sempre que nos reunimos fóra das nosas parroquias o encontro enriquece a nosa vida de
fe e énchenos de ánimo para continuar sementando ou tirando as redes ao mar; don
Francisco animounos a que sigamos a ser sementadores, preocupándonos menos polos
froitos, aínda que, ás veces, a nosa natureza humana nos leve polo camiño da inmediatez.
Cos ánimos e o compartir xuntos, fraternalmente, quedamos para o vindeiro 19 de febreiro.

Fátima Noya