Monseñor Barrio: “ao Resucitado atopámolo na loita diaria a favor da vida, no compromiso cos pobres e nos que comparten o que teñen”

  • “¡Feliz Pascua de Resurrección! Cristo vive e quérenos vivos!”, dixo o arcebispo de Santiago na Misa do Domingo de Pascua

“Ao Resucitado atopámolo na loita diaria en favor da vida, no compromiso cos pobres e no afecto cos que  comparten xenerosamente o que teñen”. Así  o dixo hoxe na súa homilía da Eucaristía do Domingo da Resurrección o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Xulián Barro, que retransmitiu Televisión de Galicia (TVG). O prelado compostelán pediulles a todos os fieis das dioceses galegas que  amosaran “a nova vida nos nosos pensamentos limpos, nas nosas palabras cheas de verdade, nas nosas decisións honestas! O home que perdeu a esperanza, atopa no Señor Resucitado a luz e o vigor para reavivala, sabendo que unha realidade mellor é posible, se se vence a pasividade, a indiferenza e o egoísmo”. Monseñor Barrio desexoulles a todos os espectadores: “¡Feliz Pascua de Resurrección! Cristo vive e quérenos vivos!”

Coa celebración da Resurrección de Cristo ponse fin á Semana Santa, un tempo litúrxico que este ano veu marcado pola ausencia dos fieis nos templos, dada a situación  provocada pola pandemia do COVID 19 e polas disposicións do Vaticano, nas que se indicaba que os oficios propios deste tempo tiñan que celebrarse sen público. Na Santa Misa de hoxe emitida pola TVG, o arcebispo de Santigo indicou que “dende esta Cidade do Apóstolo, a Xerusalén do Occidente, neste Domingo de Resurrección do Señor, fago chegar coa nosa oración a felicitación pascual ao Papa Francisco. Tamén coa alegría que nos dá Cristo resucitado, saúdo con afecto pastoral a todos os que forman parte da Igrexa en Galicia, aos irmáns das Igrexas separadas, aos das relixións non cristiás, e a todos os homes de boa vontade. Feliz Pascua de Resurrección do Señor!”.

Unha mensaxe de Pascua do arcebispo dirixida a todos os diocesáns pódese atopar en www.pastoralsantiago.org.