O Ano Santo tamén fai a súa entrada nos centros escolares

O recentemente inaugurado Ano Santo Compostelán xa se deixa ver nun dos centros de formación da diocese. O Seminario Menor da Asunción, que acolle a estudantes de ESO e Bacharelato, ven de realizar unha adaptación do Ordo Prophetarum.

Trátase dun drama litúrxico representado ao longo da Idade Media nas principais catedrais de Europa. Inspirado nun sermón de Santo Agostiño, unha voz vai convocando a distintos personaxes da Antigüidade que, dalgún xeito, foron anunciando a vinda do Mesías. Van desfilando así personaxes bíblicos coma Moisés, Isaías ou Xeremías, pero tamén outros que puideran parecernos máis alleos a este universo, como a Raíña de Saba, o poeta Virxilio, a Sibila Cumana ou o rey babilonio Nabucodonosor.

A obra foi tamén representada durante moito tempo na seo compostelana, sendo hoxe en día unha das principais hipóteses para explicar en qué se inspirou o Mestre Mateo para realizar o Pórtico da Gloria. De feito, os 15 personaxes que desfilan ao longo desta representación, aparecen practicamente todos retratados e claramente identificados na obra de Mateo, restaurada nos últimos anos.

Para facela máis próxima ao público escolar, os diálogos dos personaxes foron adaptados a unha linguaxe actual na que non faltaron referencias á situación que estamos a vivir ou á vida ordinaria do propio Seminario.

Sen dúbida algunha, unha aposta valente para achegar os fundamentos da nosa cultura e das nosas tradicións ao público máis novo.