Fronte á estilización sobrenatural da figura do Crucificado románico, hierático, triunfante e vencedor da morte, Ricardo Dávila ofrécenos esta talla en madeira dun Cristo de natureza humana, terreal, cun alto grao de realismo e verosimilitude canto a xestos e movementos, volume, proporcións e modelado, patente na suavidade dos pregues do sudario. Un corpo exento, colgado da cruz (e non apoiado coma no románico), cos estigmas da morte, pero sen recrearse no patetismo propio deste tipo de representación.
E como a arte debe ser sempre reflexo da cosmovisión dunha época e dun contexto onde se desenvolve e transmite, a maneira en que unha sociedade ou persoa percibe a realidade e a interpreta (Weltanschauung), RD optou aquí por un modelo gótico dun Cristo crucificado que nace na Baixa Idade Media (s. XIII-XV) marcada polo desenvolvemento das cidades, a expansión do comercio e a irrupción da burguesía, mais tamén pola inestabilidade, os conflitos, as herexías, os cismas, os rigores do clima, as guerras, a fame, a peste…
Tanto sufrimento vai orixinar un cambio na natureza do mundo da arte e, por tanto, no tratamento da imaxe sufrinte do Crucificado. Con todo, RD ofrécenos un corpo, morto, solidario coa dor dos fieis pero humanizado, ben modelado, con escasos da paixón e apenas visíbeis (sen coroa de espiñas, sen flaxelación, sen apenas sangue, o que lle resta patetismo). A obra de Ricardo, tallista insigne e de vocación, caracterízase por unha gran forza expresiva, pero que aquí foxe da afamada terribilità do xenial Miguel Anxo, con este Cristo que invita á emoción serena e esperanzada.
Ricardo é, dende a súa máis tenra infancia, un creador virtuoso, que botou a andar cunha navalla e un pau a man. Hoxe, para el, o corpo humano non ten segredos, sexa real, mitolóxico ou relixioso, algo que logra con exquisita habelencia técnica e dominio anatómico, por medio da pintura, do debuxo ou da escultura, coma neste caso. Escultura debuxada de xeito tridimensional que libera dun bloque amorfo de pedra, mármore ou madeira, e á que é quen de transmitirlle a tensión psicolóxica e emocional presentes nos rostros e na xestualidade dos modelos, reais ou imaxinarios.
Depurada técnica
Posuidor dunha depurada técnica e desbordante imaxinación, non por iso deixa moito espazo para a improvisación: maquetas en barro, bosquexos, documentación, e debuxo: «O que ben debuxa, ben pinta e ben esculpe», xa que o debuxo acentúa a volumetría do obxecto a representar. E logo a ductilidade da gubia e do cicel, do martelo e da radial, e ir perfilando as formas e as arelas latentes dos personaxes por liberarse da materia superflua que os encadea, ata por fin afloraren en toda a súa contundencia expresiva e aurática.
Ricardo Dávila, artista de sintaxes amplas e adaptativas, respira ao compás da arte, gran razón da súa existencia. Grazas, Manuel Reiriz, pola túa inspiración e apoio. Amén!
A obra en madeira preside a igrexa de San Xián de Artes.
Fuente: La Voz de Galicia