O equipo de Catequese de Galicia celebrou a súa reunión de traballo o 7 de xullo na cidade de Lugo, nunha xornada dedicada á planificación e preparación do próximo curso pastoral.
A sesión deu comezo co rezo da tercia, poñendo o encontro baixo a acción do Espírito Santo e encomendando o traballo común ao servizo da transmisión da fe nas dioceses galegas.
Entre os principais asuntos abordados destacou a presentación e aprobación do lema e do cartel do vindeiro curso, que levará por título «Tes sede?». Ao redor deste lema elaborouse tamén unha proposta de catequese que servirá de fío condutor para as distintas iniciativas catequéticas ao longo do ano, invitando a profundar na sede de Deus presente no corazón de toda persoa e na resposta que ofrece o Evanxeo.
Outro dos puntos centrais da reunión foi a elaboración do calendario do próximo curso, fixando as datas das reunións do equipo e dos eventos máis salientables que marcarán a vida da catequese en Galicia.
Finalmente, o equipo traballou nunha proposta para un proceso de precatecumenado, orientada a acompañar ás persoas que se achegan por primeira vez á fe ou desexan iniciar un itinerario de descubrimento do Evanxeo antes de incorporarse ao proceso catecumenal propiamente dito. Esta iniciativa pretende ofrecer un primeiro espazo de acollida, escoita e discernimento, adaptado ás necesidades da realidade pastoral actual.
A reunión desenvolveuse nun clima de diálogo, reflexión e colaboración entre os membros do equipo, reafirmando o compromiso compartido de seguir impulsando unha catequese renovada, capaz de responder aos desafíos da Igrexa e da sociedade de hoxe.
Rematou o encontro cunha visita á Catedral.






