A Arquidiocese de Santiago de Compostela, organiza a conferencia: “O futuro da Igrexa tras o Sínodo da sinodalidade”, que impartirá vindeiro mércores, 15 de xaneiro, o decano da Facultade de Dereito Canónico da Universidade Pontificia de Salamanca, José San José Prisco, quen participou no Sínodo universal como experto da Comisión de Dereito Canónico.

O acto, que terá lugar no salón de actos do Instituto Teolóxico Compostelán ás 19:00 horas, contará coa presenza do arcebispo, Mons. Francisco José Prieto.

Durante a súa intervención, José San José abordará as conclusións do Sínodo, que finalizou o 26 de outubro de 2024 no Vaticano despois de tres anos de intensos traballos e reflexións que mobilizaron a todo o Pobo de Deus nun proceso de escoita e discernimento. Este experto destacará como este Sínodo marca o inicio dunha nova etapa para a Igrexa. A partir de agora, cada comunidade eclesial deberá continuar un proceso de consulta e discernimento para avanzar cara a unha Igrexa máis unida e participativa.

O papa Francisco impulsou unha transformación significativa nesta XVI Asemblea xeral ordinaria do Sínodo dos Bispos, entre outros aspectos destaca unha participación histórica de laicos e o recoñecemento do dereito a voto ás mulleres. Un total de 358 membros sinodais, incluídos 272 bispos e 53 mulleres, traballaron conxuntamente na redacción do Documento Final.  O texto consta de 155 apartados e foi aprobado por unha ampla maioría.

O Documento final reflicte o compromiso sinodal da Igrexa e, como sinalou Francisco no seu discurso de clausura, servirá como guía práctica para as Igrexas locais. O papa aclarou que non se publicará unha exhortación apostólica, como en edicións anteriores: “Abonda co que se aprobou. No Documento hai xa  indicacións moi concretas que poden ser unha guía para a misión das Igrexas, nos diversos continentes, nos diferentes contextos, por iso póñoo agora ao dispor de todos (…). Quero, deste xeito, recoñecer o valor do camiño sinodal realizado, que con este Documento entrego ao santo Pobo fiel de Deus”, sinalou o pontífice.

José San José forma parte dun dos 10 Grupos de Estudo sobre temas xurdidos da Primeira Sesión, en outubro de 2023, da XVI Asemblea Xeral Ordinaria do Sínodo dos Bispos para profundar en colaboración cos Dicasterios da Curia Romana, e que está aberta para recibir contribucións de todo o Pobo de Deus antes de xuño de 2025.