Os Grupos Scouts da Asociación Diocesana de Escutismo de Santiago reúnense para celebrar Ramos

Os lobecos e rangers, que son nenos e nenas de entre 8 e 13 anos, dos grupos da nosa Asociación Diocesana de Escutismo de Santiago, realizaron entre os días 12 e 14 de abril unha acampada conxunta no Centro Scout Abeiro, situado na parroquia de Santa María de Figueiras (Santiago de Compostela). Tamén formaron parte deste encontro os scouts do Grupo Axouxuere, da cidade e diocese de Ourense. En total xuntáronse 90 rapaces cos seus responsables scouts, procedentes dos grupos Stoas, Nyeri e Ahadi de A Coruña, Ronsel de Sada, Tau de Santiago e o xa citado Axouxere de Ourense.

Esta acampada foi moi especial porque era o primeiro campamento de Ramos que se facía a nivel asociativo, pois normalmente nestas datas os grupos fan cada un a súa acampada. Ademais, nos últimos anos a Asociación fixo campamentos e encontros para os scouts maiores (14 a 19 anos), ou para todas as unidades xuntas, pero non fixeran un exclusivo para os máis pequenos.

Durante estes tres días a convivencia e o bo ambiente foi o prioritario e os lobecos e rangers aprenderon moito sobre a Semana Santa, o Domingo de Ramos, decoraron ovos de Pascua, elaboraron os seus propios ramos, aprenderon tamén sobre os rastros e as pegadas dos animais que hai na súa contorna, da man da Asociación Animais do Mundo e sobre o acoso escolar gracias á Cruz Vermella de Santiago.

David Míguez Gallego