Presentan na igrexa de Cee un documental sobre a súa historia e patrimonio

  • O historiador Víctor Castiñeira e o músico Fernando Fraga son os autores do vídeo
  • A produción porá luz a moitos dos aspectos do templo ocultos para o público en xeral

Este venres 1 de xullo a partir das 21.15 horas, a igrexa parroquial de Cee acollerá, dentro dos actos do mes de xullo do Ano Xubilar Mariano da Virxe da Xunqueira, a presentación e proxección do video-documental que recolle a historia do propio templo e o seu patrimonio histórico-artístico.

Realizado polo historiador e técnico de Cultura ceense, Víctor Castiñeira, e o músico e mestre Fernando Fraga, o vídeo, de vinte e seis minutos de duración, ofrece “unha visión do templo da Xunqueira e a súa historia como nunca se viu antes, descubrindo, de seguro, moitos aspectos ocultos para a poboación en xeral, que chamarán a atención e poñerán en valor tanto ó edificio como ó que alberga no seu interior”, afirma Castiñeira.

“Foron seis meses de traballo, incluíndo a investigación previa, as gravacións desde o mes de marzo ata a semana pasada, e a edición e montaxe. O obxectivo no foi outro que o de poñer en valor o patrimonio histórico-artístico da igrexa da Xunqueira, xa que, o contrario do que se pode pensar a simple vista, garda auténticos tesouros artísticos de indubidable valor”, engade o historiador ceense.

Fuente: El Correo Gallego