Primeiras Comuñóns no horizonte

O luns 11 de maio comezan as fases que permiten a presenza de fieis nas liturxias de cada parroquia. Un dos temas que afectan ás familias católicas é o das Primeiras Comunións. A Delegación de Catequese traballa para que cada fogar implicado na iniciación á fe dos máis pequenos poida afrontar a celebración deste Sacramento do mellor modo posible tras a cuarentena. Alfonso Mera é párroco de Ribeira e colaborador da Delegación.

 

 

1.- Como valora a Catequese que se viviu durante a pandemia?

O traballo foi ímprobo desde o principio.  A tarefa plantexábase cunha idea de fondo: a catequese non paraba; continuaba na casa, no núcleo familiar. Por iso as 9 persoas que deron forma a todos os materiais, non pararon. A meirande parte dos máis de 3000 catequistas dados de alta na “rede de catequistas de Galicia” continuaron a súa laboura parroquial. E cada mes a demanda de  información en www.catequesisdegalicia.com superaba as 45.000 visitas. Temos unha sensación parecida á dos Mestres e á doutras persoas que tiveron teletraballo: fíxose máis ca nunca.

 

2.- Destaque un elemento que debe permanecer tras esta experiencia.

O contacto cos pais foi de vital importancia. Os pais son os primeiros evanxelizadores e transmisores da fe no fogar. Isto é obvio. Pero tal vez nunca quedara tan explícito coma no tempo do confinamento. Percibimos que ese papel debe ser reforzado. A catequese non é cousa dunhas persoas chamadas “catequistas” que están nunha parroquia para que os pais e as nais se desentendan, relixiosamente falando. É un traballo en equipo. Un acompañamento para a maduración na vida parroquial. Agora será necesario reunirse coas familias, telemática ou presencialmente e valorar a oportunidade das datas e circunstancias para celebrar a Primeira Comunión.

 

3.- Como se afronta a celebración das Primeiras Comunións?

Coido que haberá ritmos diversos. Se cadra, nalgún caso de parroquia grande, veremos un aprazamento das Primeiras Comunións ata despois do verán, por cuestións  organizativas. Pero nas pequenas parroquias ou parroquias con pouco número de cativos de Primeira Comunión (maioritarias na diocese), poderíase ir vendo se é posible algunha cerimonia durante os meses de verán, se o avance nas fases da desescalada mostra que a situación avanza por bo camiño.

 

4.- Entón, podería haber Primeiras Comunións no verán?

Co ánimo de dar opcións ás familias e ás parroquias, no Secretariado falouse de varias opcións. Existe unha proposta con dous momentos: unha Primeira Celebración familiar, cos “da casa”; máis austera e comprometida; cun número reducido de persoas; coas precaucións sanitarias oportunas. Máis para adiante, quedaría a Primeira Comunión solemne, unha vez que a desescalada sexa completa, para non esquecer esa faciana social da xuntanza da familia ao completo; co grupo de nenos; tal vez coa parte de banquete nun establecemento hostaleiro, etc.

 

5.- Algunha recomendación para as familias

Gustaríame lembrar que, decidan o que decidan os pais e as nais, da man dos seus párrocos, a vida de fe xira en torno á Eucaristía dominical. Somos conscientes de que nas nosas parroquias existen varias “velocidades” na participación da Misa: familias asiduas, outras ocasionais mentres dura a preparación da Primeira Comunión, quen redescobre na postcomunión o valor de pertencer á Igrexa e participar coa comunidade, etc., etc. Pero para seguir a Xesús, os máis pequenos, apoiados polos seus maiores, necesitan “tocar” a vivencia parroquial. Formar parte, participar. Canto máis mellor. Desde o Secretariado, trabállase para ter a disposición unhas catequeses presenciais previas á celebración do Sacramento. Precisamente, porque gustaríanos suliñar a importancia do paso que se vai dar na fe. Algo que non pode ser recibido nin vivido de “refilón”.