- O encontro senta as bases dunha colaboración estable entre centros e profesionais
- Na reunión informouse que as XIX Xornadas Técnicas da Asociación de Bibliotecarios de la Iglesia en España (ABIE) terán lugar en Santiago entre o 3 e o 5 de marzo de 2027
Representantes de bibliotecas eclesiásticas de Galicia mantiveron na mañá do venres 24 de abril un encontro de traballo na biblioteca do convento de Santo Francisco de Santiago de Compostela. A reunión, a primeira destas características e con vocación de continuidade, estivo orientada á posta en común de necesidades e proxectos vinculados ao patrimonio documental.
O obxectivo principal foi avanzar na creación de redes de traballo estables entre os centros e os seus profesionais no ámbito das dioceses galegas, favorecendo a coordinación e o desenvolvemento de iniciativas conxuntas.
Nesta primeira toma de contacto participaron Carmen Martínez, bibliotecaria do convento de San Francisco de Santiago; Carlos Alonso, bibliotecario-arquiveiro da diocese de Mondoñedo-Ferrol; Francisco Buide, cóengo arquiveiro-bibliotecario da catedral de Santiago; Elena Novás, bibliotecaria-arquiveira da catedral de Santiago; Carlos Miramontes, director da biblioteca do ITC; e Pablo Cid, arquiveiro-bibliotecario da diocese de Ourense. Ademáis, en representación da comunidade franciscana de Santiago, asistiu o seu superior, Miguel de la Mata.
Durante a sesión abordáronse cuestións como os sistemas de catalogación, a participación técnica no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Español (CCPB), a aplicación da intelixencia artificial en bibliotecas eclesiásticas e o acceso a liñas de subvención, entre outros asuntos.
O encontro serviu tamén para informar sobre o comezo da preparación das XIX Xornadas Técnicas da Asociación de Bibliotecarios de la Iglesia en España (ABIE), organizadas pola Conferencia Episcopal Española, que en 2027 terán como sede principal a cidade de Santiago de Compostela.






