San Martiño Pinario acolle a exposición que conmemora os 55 anos da liturxia en galego

  • O arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto, participou esta tarde na apertura desta mostra impulsada por SEPT.

O arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto, participou hoxe na apertura da exposición 55 anos da liturxia en galego (1969-2024), impulsada pola Editorial SEPT e producida por Merlín Comunicación co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e do Arcebispado de Santiago de Compostela.

Mons. Prieto destacou que a Palabra de Deus non é unha Palabra restrinxida, limitada, ou acotada, senón que “é unha Palabra que chega ao corazón dos homes naquela lingua no que os homes entenden e se falan”.

O arcebispo afirmou que “a lingua fala do que somos cada un de nós, do que somos como  persoas, como familia e como pobo. Polo tanto, falar da liturxia en galego é falar desa lingua”. E engadiu que “as linguas son compañeiras da historia dun pobo e fala dese pobo ao longo dos séculos e desas crenzas e do que significan esa opción e ese horizonte transcendente na vida das persoas”.

Participaron neste acto, que acolleu o Mosteiro de San Martiño Pinario, Silvestre Gómez, comisario da exposición; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

55 anos da liturxia en galego

Composta por seis paneis, a mostra recolle o percorrido da lingua galega na liturxia nestes 55 anos partindo da aprobación, en 1963, do uso das linguas vernáculas na liturxia no Concilio Vaticano II ata a aprobación, cinco anos máis tarde, do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia. Unha nova que se faría pública o 7 de xaneiro de 1969, con gran repercusión na situación social do momento.

Parte fundamental deste fito foron tamén as primeiras traducións ao galego dos textos litúrxicos como o Misal Romano ou a Biblia, que o Goberno galego volve editar a día de hoxe en colaboración con SEPT co obxectivo de levar a lingua a todas as parroquias galegas.

As persoas interesadas poderán visitar a mostra no claustro pequeno do Mosteiro de San Martiño Pinario, onde estará dispoñible ata o 29 de febreiro.