Scouts de Galicia e os scouts católicos de Portugal selan o seu irmandamento en Santiago de Compostela co «Proxecto Nortada»

  • Máis de medio cento de responsables e mozos de Scouts de Galicia – Escutismo Católico Galego (ECG) e do Corpo Nacional de Escutas (CNE) de Viana do Castelo reuniranse o 3 e 4 de outubro na capital galega, culminando coa Misa do Peregrino na Catedral.

Scouts de Galicia – ECG e o Corpo Nacional de Escutas (CNE) da diocese portuguesa de Viana do Castelo celebrarán a vindeira fin de semana do 3 e 4 de outubro un encontro transfronteirizo en Santiago de Compostela para afianzar o «Proxecto Nortada», a iniciativa de colaboración internacional e fraternidade scout que une a Galicia e ao norte de Portugal.

O evento, que foi ultimado nas últimas reunións de traballo da nova Mesa Xeral de goberno galega, arrancará coa travesía e o paso simbólico da fronteira entre Valença e Tui, para trasladarse posteriormente a Santiago de Compostela. Durante as dúas xornadas desenvolveranse mesas de traballo formativas e de coordinación pedagóxica, orientadas a crear rutas compartidas de peregrinación, actividades transfronteirizas accesibles para os grupos e unha insignia conmemorativa común («Composcout»).

Acompañamento diocesano e Misa do Peregrino

O encontro contará cun marcado carácter espiritual e de comuñón eclesial. Na tarde do sábado 3 de outubro, ás 17:00 h, o Arcebispo de Santiago de Compostela, Monseñor D. Francisco José Prieto Fernández, manterá un saúdo cos participantes para dedicarlles unhas palabras e a súa bendición pastoral.

O broche de ouro a estas xornadas de irmandamento terá lugar o domingo 4 de outubro ás 12:00 h, cando a delegación luso-galaica participe de xeito activo na Misa do Peregrino na Catedral de Santiago, realizando a tradicional ofrenda e invocación ao Apóstolo en nome do escutismo católico de ambos os dous lados do río Miño.

Portas abertas para as familias: punto de atención scout en San Martiño Pinario

Coincidindo co arranque da nova xeira solar scout e o curso catequético e escolar, Scouts de Galicia – ECG lembra a todas as familias interesadas que teñen á súa disposición un punto de atención e información permanente no mosteiro de San Martiño Pinario (con acceso habilitado pola praza de Xoán XXIII).

Alí, nais e pais que desexen que os seus fillos formen parte do movemento scout poden informarse sobre os grupos scouts católicos dispoñibles na cidade e na comarca, coñecendo de primeira man un modelo de educación no tempo libre que combina contacto coa natureza, traballo en valores, servizo comunitario e crecemento na fe.