Último pase da obra teatral Dez Negriños no Seminario Menor

Tras o éxito alcanzado durante a semana pasada, o Seminario Menor da Asunción disponse a realizar unha nova representación da obra Dez Negriños, de Ágatha Christie.

Responde así a solicitude feita dende SCQ Erasmus para achegar a estudantes doutros países parte da cultura realizada na nosa terra. Nestes momentos xa hai confirmados máis de 100 universitarios, pero aínda quedan prazas a disposición do público ata completar aforo.

Será un pase totalmente gratuito se ben, ao igual que na Representación Solidaria, aportarase coma entrada un quilo de alimentos para axudar desta forma aos colectivos máis desfavorecidos da nosa cidade.

Dez Negriños é a obra máis lida de Ágatha Christie, con máis de 100 millóns de copias vendidas. Dez persoas sen relación algunha entre si son reunidas nun misterioso illote da costa inglesa por un tal Sr. Owen. Tras a primeira cea, e sen ter coñecido ao seu anfitrión, os dez comensais son acusados mediante unha gravación de cometer distintos crimes no seu pasado. Un por un serán asasinados sen explicación nin motivo aparente. Soamente unha vella canción infantil parece encerrar o misterio dun crecente sono de terror.