Unha confraría composta por 20 nenos e nenas desfila na Procesión dos Caladiños acompañando ao Cristo Xacente, en Campo Lameiro

  • Esta iniciativa, promovida polo cura párroco Fermín Santiago Iglesias, busca a involucración activa dos máis pequenos nas celebracións de Semana Santa

A Semana Santa de Campo Lameiro ten como novidade este ano a constitución dunha Confraría composta por 20 nenos e nenas que procesionaron xunto ao Cristo Xacente na noite do Venres Santo na Procesión dos Caladiños. Esta iniciativa está promovida polo cura párroco Fermín Santiago Iglesias coa intención de que os máis pequenos participen dun xeito activo destas celebracións cristiás.

Durante a procesión os nenos e nenas portaron o trono de San Xoán Evanxelista e a Verónica, feito dun xeito adecuado para que pudera ser levado polos cativos e procesionar con comodidade xunto ás outras imaxes que conforman a Procesión dos Caladiños como son o Cristo Xacente e o da Virxe das Dores.

Os oficios relixiosos nos que participou a nova Confradía de nenos e nenas iniciouse ás 20 horas do Venres Santo coa bendición do novo paso de San Xoán e a Verónica. A continuación tiveron lugar os oficios e, ao rematar, tivo lugar a Procesión dos Caladiños desde a igrexa parroquial de San Miguel de Campo Lameiro ata a Praza do Concello onde tivo lugar o santo encontro e regreso á igrexa parroquial acompañados pola Banda Unión Cultural de Campo Lameiro.

Os nenos e nenas levan ensaiando para a ocasión durante a Coresma e na Cataquese e, segundo manifestou o cura párroco Fermín Santiago Iglesias “fixéronno con gran ilusión para estar perfectamente preparados para o seu debú”.

Fermín Santiago agradeceu a todas aquelas persoas que colaboraron “neste proxecto moi ilusionante para os cativos que se queren sentir parte activa das tradicións cristiás do seu pobo. Quero agredecer profundamente a todas e cada unha das persoas que botaron unha man para que todo saíra perfecto, tanto aos pais, ás nais, as costureiras, a aqueles que axudaron a construír a estrutura do paso e que o adaptaron para que o puideran levar os pequenos, tamén aos que doaron materiais e investiron o seu tempo en que este proxecto fora unha realidade. Todos os que colaboraron fixéronno de xeito desinteresado para construir un Campo Lameiro mellor, máis grande, máis feliz e ilusionante, sobre todo para os máis cativos”.