Vixilia Pascual do antigo arciprestado de Barbeiros

Esta noite de Pascua, preto de trinta parroquias dos Concellos de Frades, Mesía, xunto a algunhas de Ordes, e Oza-Cesuras, que conforman o antigo arciprestado de Barbeiros, se xuntaron para celebrar xuntas a Resurrección do Señor. Esta ano a Eucaristía celebrouse no pavillón polideportivo do grupo escolar da Ponte Carreira, na parroquia de Santa Mariña de Gafoi, no Concello de Frades.

É o cuarto ano que nos reunimos todo este grupo amplo de parroquias da «montaña» para celebrar a festividade máis grande do ano. No adro exterior da escola fíxose o lucernario, que continuou coa procesión ata o pavillón que rematou co fermoso canto do pregón pascual. Despois da liturxia da Palabra renovamos as promesas bautismais, antes de proseguir coa liturxia eucarística. Na homilía lembrouse que na escuridade da noite Deus actúa e salva. Moitas veces na noite existencial prodúcese o encontro con un mesmo e con Deus; as feridas da vida, cando nelas se encontra o sentido do amor son causa de crecemento humano e de apertura ó don sobrenatural.

Desde hai tempo un grupo grande de xente, que de ano en ano vai medrando e consolidando lazos de amizade, preparou con ilusión a liturxia, o espazo, a música -xuntáronse ata sete coros parroquiais- e o chocolate con rosco final. Foi unha celebración sobria e sinxela, pero moi participada con devoción.

Máis de trescenta cincuenta persoas, e cinco dos sacerdotes da zona: D. Jenaro Blanco, o párroco anfitrión, D. Antonio Regueira, D. José Manuel Martínez, D. Gumersindo Campaña, e D. Juan González-Redondo, quen presideu este ano. D Víctor Blanco, D. José Luis Rey e D. Enrique Alonso, que comparten a atención con parroquias que non son deste arciprestado non puideron asistir por celebrar noutros lugares. Salientar que a parroquia e os veciños de Gafoi e Ponte Carreira volcáronse dun xeito exemplar na organización.

Juan González-Redondo