Vixilia Pascual do antigo arciprestado de Barbeiros

O Pavillón polideportivo de Abellá, no concello de Frades, albergou a gran celebración da Resurrección do Señor, de máis de vinte parroquias do antiguo arciprestado de Barbeiros.

A noite chuviosa e frío de abril deu unha pequena tregua que permitiu a bendición do lume no exterior do local e a procesión de entrada. A lectura do pregón, a rica liturxia da Palabra, a bendición da auga, e a posterior celebración eucarística, presidida por D. José Manuel Martínez, encheron a noite santa de simbolismo e ledicia pola nova vida que empezou para a Creación.

A preparación desta celebración, coidada con mimo, permitiu que un grupo grande de persoas en representación das diferentes comunidades, estableceran novas relacións de comuñón. A comunidade parroquial de Santo Estevo de Abellá volcouse para acoller ás catrocentas persoas que participaron.

A música foi ensaiada con agarimo polos distintos coros parroquiais unidos para a ocasión. A colaboración dos Concellos de Mesía e Frades permitiu a organización desta gran festa de fe. Xa é o terceiro ano que se celebra conxuntamente a Pascua, desde que o recentemente nomeado Arcebispo Mons. José Francisco Prieto inaugurara esta experiencia en Xanceda, que continuou o ano pasado en Visantoña.

A celebración rematou con un emotivo cumpreanos feliz a D. Antonio Regueira, párroco emérito de Abellá.

J.G.R.