Frei Pedro Manzanas Corral foi un frade dominico natural da parroquia de Santa María de Ois, no actual concello coruñés de Coirós; naceu na aldea de Castrillón o 28 de abril de 1642, no seo dun matrimonio de labregos formado por Pedro Manzanas e Catalina Corral. Esta contraera matrimonio en primeiras nupcias con Pedro Rabizas e, tras enviuvar, casou con Pedro Manzanas. O futuro frade foi bautizado na igrexa parroquial o 3 de maio. É posible que recibise o nome de Pedro por ter nacido na véspera da festividade de san Pedro mártir, aínda que esta relación non pode pasar do terreo da hipótese. Como acontece con frecuencia nas haxiografías, as fontes que transmitiron a súa vida atribúen xa á infancia do futuro frade certos elementos de carácter sobrenatural. Cóntase, por exemplo, que foi criado por unha cabrita, pois a súa nai carecía de leite por mor dun meigallo botado por unha veciña. As mesmas fontes subliñan a importancia da súa vocación e da súa inclinación relixiosa desde os primeiros anos.

Naquela época, a parroquia de Santa María de Ois era unha comunidade de dimensións relativamente reducidas. Así se desprende da visita realizada por Xerome del Hoyo a principios do século XVII, na que se sinala que Ois contaba con «cincuenta y dos feligreses» e que nela existía unha ermida dedicada a Santa Catalina, coa presenza dunha «imagen muy devota de Nuestra Señora». Pedro Manzanas aprendeu as primeiras letras na escola que existía na aldea de Xora, con Bartolomé de la Mata. Alí comezou a ler e escribir e aprendeu tamén as oracións fundamentais da doutrina cristiá. Posteriormente trasladouse a Betanzos, onde cursou estudos na Cátedra de Gramática do licenciado Juan Rodríguez.

Antes de iniciar a vida relixiosa, Pedro Manzanas fora paxe da marquesa de San Sadurniño, dona Francisca de Figueroa, curmá do seu padriño de pía, don Xerome Gaioso. Posteriormente foi preceptor do fillo do seu protector. Foi durante esta etapa cando tomou a decisión de ingresar nunha orde relixiosa, pensando inicialmente no convento de Santa María da Cerca, en Santiago. En 1660 decidiu finalmente entrar na Orde de San Domingos. Dirixiuse ao convento dos frades predicadores de Betanzos para ser examinado polo vicario provincial do Reino de Galicia, frei Domingo Sobrino. Este recomendoulle que continuase a súa formación no convento de Salamanca, onde profesou o 10 de setembro de 1662.

Xa como dominico, frei Pedro, que en diante sería coñecido como frei Pedro de Santa María e Ulloa, desenvolveu unha intensa actividade relixiosa. Foi propagador da devoción popular ao Rosario, participou en prédicas e misións e destacou tamén pola súa preocupación polos máis necesitados. A súa ración diaria, sobria e sinxela, era repartida entre os mendigos que acudían á porta do convento, razón pola que chegou a recibir o alcume de «pai dos pobres». A súa actividade estendeuse por diferentes territorios da Igrexa. Foi misioneiro en Guatemala, nas Illas Canarias, en Cabo Verde e en Angola, e desenvolveu tamén o seu labor en Lima e Potosí. Recibiu, así mesmo, o encargo da Orde de asistir a un capítulo celebrado en Roma. A súa actividade escrita quedou especialmente ligada á obra Arco Iris de Paz, moi difundida no seo da Igrexa e da que se chegaron a publicar arredor de vinte e cinco edicións. Nela incide na contemplación dos misterios da vida de Cristo e de María.

En 1687 retirouse ao convento de San Paulo de Sevilla. Alí continuou a promover a devoción ao Rosario, fundou os Rosarios públicos e recomendou o seu rezo na vida comunitaria. Faleceu en olor de santidade o 6 de xuño de 1690. Foi sepultado, ante a falta dun lugar máis adecuado, nun arcosolio da capela maior pertencente ao Condestable de Castela. Intentouse posteriormente iniciar o proceso de canonización, cuxa promoción foi encomendada a frei Francisco Guerrero. Entre os seus biógrafos figuran Tomás Pedro de Andrade, o P. Diego de la Llana e o P. Quintana.

A memoria de frei Pedro en Ois

A pesar da relevancia que chegou a adquirir a figura de frei Pedro, a súa memoria parece ter quedado nun segundo plano na parroquia natal durante as primeiras décadas posteriores á súa morte. Nas visitas pastorais consultadas non atopamos referencias claras ao seu culto. Estas descricións céntranse na fábrica da igrexa, que contaba coa «capilla mayor de bóveda, el cuerpo fayado», e na realidade demográfica da freguesía, que no século seguinte contaba con «setenta fuegos (…) cuatrocientas almas de confesión». Na aldea de Xora existía tamén unha capela baixo o padroado de San Domingos, fundada por «don Domingo Yáñez Fachal, presbítero de patronato lego».

Aínda que Fiaño Sánchez sitúa no século XVIII o asentamento do culto de frei Pedro en Ois, unha misiva permite situar con maior probabilidade a súa consolidación no primeiro terzo do século XIX. Foi entón cando chegou desde Sevilla «un cuadro que contiene su retrato (…) y como de pocos tiempos a esta parte observo que muchos feligreses concurren los días festivos a alumbrarle y hacer alguna oferta». A devoción foi adquirindo unha dimensión maior e acabou por dar lugar a unha romaría no domingo de Pascua. A celebración chegou a ser polémica: foi prohibida pola curia diocesana e censurada pola xerarquía, pero mantívose grazas á perseveranza dos seus devotos e fieis, segundo recolle Manuel Fiaño na súa investigación. A memoria de frei Pedro tamén quedou reflectida en diferentes representacións artísticas. En 1889 encargouse un retrato do venerable frade ao pintor Xurxo Franco. En 1947 realizouse outro, neste caso obra de Vidal Lombán, así como unha imaxe, probablemente da segunda metade do século XX, que se dá a bicar aos devotos. Nun principio, na igrexa de Ois existía un retablo colateral dedicado á Virxe do Rosario, onde probablemente se situou o retrato de frei Pedro. Así parece desprenderse dunha anotación do ano 1891: «Pagó al mismo [Antonio Sánchez de Betanzos] cuatrocientos setenta por pintar el altar del Rosario y del venerable Fr. Pedro y lo mismo el altar del Carmen, colaterales de la iglesia, enfrente del que ardió».

A evolución do culto mostra, polo tanto, como a memoria do frade foi adquirindo presenza na súa parroquia natal. Porén, existe outro elemento da súa vida que permite achegarnos a unha cuestión diferente: a presenza, xa desde a infancia, dun grupo de rapaces que, segundo a súa biografía, acabarían seguindo tamén a carreira eclesiástica.

«Xa somos sete cregos na escola»

A biografía de frei Pedro conserva unha anécdota da súa infancia que, máis alá do seu valor narrativo, permite formular unha cuestión concreta sobre a súa formación. Conta a tradición que un día frei Pedro regresou da escola de Xora e a súa nai lle preguntou polo motivo da súa alegría. O neno respondeu, segundo se recolle literalmente en galego na súa biografía, Arco Iris de Paz: «Na nai, na nai, xa somos sete cregos na escola». A frase dá título a este artigo. O seu interese non reside unicamente no carácter anecdótico, senón na posibilidade de contrastar os nomes dos compañeiros que aparecen na fonte biográfica coa documentación eclesiástica conservada. Segundo o memorial da biografía, os sete eran, contando tamén a frei Pedro, Xacinto Vázquez da Cruz, Domingos Vázquez da Cruz, Pedro Couceiro, Antonio Rodríguez del Corral, Rodrigo Espiñeira e Domingos de Vía, ou Avia.

O propósito deste traballo é comprobar ata que punto é posible identificar documentalmente estes seis compañeiros e, a partir das súas idades, procedencias e traxectorias eclesiásticas, valorar a verosimilitude histórica do relato transmitido pola biografía. Cómpre precisar que o termo «cregos» debe entenderse aquí nun sentido amplo, pois non todos os individuos chegaron ao presbiterado.

Xacinto Vázquez da Cruz

O memorial biográfico comeza sinalando que da freguesía de Santa María de Lesa eran Xacinto Vázquez da Cruz, o seu irmán Domingos e Pedro Couceiro. Xacinto Vázquez da Cruz aparece na documentación tamén cos apelidos Rodríguez Patiño e como «hijo de Marcos Rodríguez y de María Vázquez». O 15 de febreiro de 1665 expediuse na curia da diocese un documento para proceder ás informacións relativas á súa persoa, xa que quería recibir a prima clerical tonsura e os graos. Compareceron no proceso Xoán de Seoane, Xoán de Mirilla, labrego, Xoán de Medal e Sebastián Couceiro.

O párroco, Diego Pardo Saavedra, afirmou do candidato que o tiña por un «hombre (…) de buena vida y costumbres, honesto, virtuoso y concurre en las más calidades necesarias para haber de ser ordenado». Non atopamos máis documentos que permitan reconstruír as restantes ordes recibidas por Xacinto. Porén, polos datos da biografía do P. Pedro Manzanas, sabemos que os compañeiros mencionados chegaron, agás un deles, ao estado sacerdotal.

Domingos Vázquez da Cruz

O irmán de Xacinto aparece preferentemente como Domingo Vázquez, tomando o apelido da nai. Naquela época aínda non estaba consolidada a orde actual dos apelidos, polo que esta variación non resulta excepcional. Este candidato naceu en maio de 1643, apenas un ano despois de frei Pedro. Así indica a súa partida de bautismo: «En siete de mayo de mil seiscientos cuarenta y tres yo, dicho rector, bauticé en la feligresía de Lesa un niño que se llamó Domingo, hijo de Marcos Rodríguez y de María Vázquez, su mujer; fueron padrinos Bastián Crespo y Mayor Rodríguez, vecinos de Collantres, y les advertí la consignación espiritual que contraían y la obligación de la doctrina cristiana y por verdad lo firmo ut supra.»

A petición das informacións foi emitida en Santiago o 2 de xuño de 1666, sendo testemuñas da súa idoneidade os labregos Domingo Faraldo, Xoán Seoane e Xoán de Medal. Nestes documentos, como nos anteriores, pedíase a opinión de persoas achegadas ao candidato, pero non parentes, para determinar se gozaba de boa fama, se procedía dunha familia adecuada e se reunía as condicións necesarias para seguir a carreira eclesiástica.

Neste caso, a primeira testemuña afirmou que o pai de Domingo xa falecera e que era de «raza limpia». A expresión facía referencia á chamada limpeza de sangue, é dicir, á ausencia de antecedentes familiares que, segundo os criterios da época, puidesen impedir o acceso ás ordes, especialmente por ascendencia xudía ou conversa ou por antecedentes inquisitoriais. Ademais, o solicitante sempre se deixaba «acompañar de personas principales así en la ciudad de Betanzos donde estudiaba, como en esta feligresía y su contorno». Os tres veciños, unanimemente, expresaron que «le ha oído decir que quería ser clérigo muy devoto y oye Misa todos los días», e que «siempre ha oído decir al dicho Domingo Vázquez así en tiempo que anduvo a aprender a leer y escribir en los estudios, que mediante las gracias de Dios había de ser sacerdote».

Pedro Couceiro

A biografía de frei Pedro sinala que da freguesía de Santa María de Lesa era tamén Pedro Couceiro, fillo de Sebastián Couceiro. Con todo, a súa identificación documental presenta algunhas dificultades. Nos rexistros atopamos un Pedro Sánchez Delgado, fillo de Pedro Couceiro e María Sánchez, bautizado na parroquia de Santiago de Ois o 12 de abril de 1671, aínda que posteriormente pasou a vivir a Lesa. Para este individuo expedíronse as peticións de información o 13 de xaneiro de 1693, destinadas á prima tonsura e aos catro graos. Foi ordenado diácono e presbítero en 1697.

A cronoloxía non parece encaixar ben coa figura do compañeiro de escola de frei Pedro. Por este motivo, resulta necesario buscar entre as parroquias próximas outro posible candidato. Un segundo Pedro Couceiro, que naceu arredor de 1630, encaixa mellor cos datos. O 20 de agosto de 1658 expedíronse os edictos para proceder ás indagacións sobre se era merecente de ser ordenado dos graos, subdiaconado, diaconado e sacerdocio. Ostentaba, como clérigo tonsurado, a reitoría das parroquias de San Martiño de Bandoxa e Santiago de Reboredo, que eran administradas espiritualmente por Antonio Rodríguez del Corral, quen procedeu a solicitar as informacións sobre o candidato.

Actuaron como testemuñas Alonso do Río, Xoán López de Estrada, Gregorio Sánchez do Vilar e Francisco Delgado. A proximidade cronolóxica entre este Pedro Couceiro e frei Pedro Manzanas, así como a súa vinculación con parroquias próximas, fan que sexa un candidato máis verosímil para a identificación co compañeiro mencionado na biografía. Non obstante, non podemos afirmalo con plena seguridade. Non se conserva a súa partida de bautismo e tampouco existe actualmente o libro sacramental correspondente no arquivo da freguesía. Por tanto, debemos considerar esta identificación como unha hipótese, aínda que sexa a que mellor encaixa cos datos dispoñibles.

Antonio Rodríguez del Corral

Contamos coa súa partida de bautismo: «En tres días del mes de febrero de mil seiscientos treinta y tres yo, Pedro Couceiro, cura y rector de dichos beneficios bauticé un hijo de Juan Rodríguez del Corral y de su mujer Catalina de Villar, se llama Antonio, fueron sus padrinos Bastián Vázquez y María López, mujer de Cortiñela, y lo firmo.»

Conservamos dous expedientes relativos á súa carreira eclesiástica. O primeiro corresponde á petición para recibir o diaconado, expedido o 13 de setembro de 1661, cando xa contaba coa orde do subdiaconado. O segundo corresponde á petición para a orde sacerdotal e está datado o 6 de febreiro de 1662. No primeiro caso testificaron a favor do candidato Miguel Pérez, Pedro Sánchez e Alonso Pérez. Miguel Pérez, ademais das preguntas comúns, afirmou que «el sobredicho confiesa y comulga a menudo, en todo es muy virtuoso». Pedro Sánchez declarou que «da buen ejemplo a quien trata con él, y que no trae hábito indecente ni trae armas indecentes antes trae hábito clerical y ayuda muy de ordinario a los oficios divinos en donde se halla». A terceira testemuña, Alonso Pérez, nada achegou respecto das preguntas habituais.

Na petición para o estado sacerdotal foron catro os declarantes: Xoán Sánchez, Pedro Vázquez, Xoán García e Miguel Pérez. Nesta documentación indícase tamén que Antonio Rodríguez del Corral tiña o título de licenciado.

Grazas a outros expedientes sabemos que foi párroco de Santa María de Rodeiro, aínda que a súa situación foi algo máis complexa. Na práctica estaba vinculado ás parroquias de Bandoxa e Reboredo, ao non contar inicialmente o párroco coa orde sacerdotal, como vimos anteriormente. No ano 1679 era crego do beneficio de Rodeiro o licenciado Alonso Martínez, que permaneceu alí ata 1719, data na que aparece Rafael Ignacio de Arce. Por este motivo, é posible que Antonio Rodríguez del Corral xa mudara de parroquia para entón.

Domingos de Avia

O memorial da biografía de frei Pedro indica que de Santa María de Ois era Domingos de Vía, ou tamén de Avia. Este era maior que o venerable frei Pedro: naceu en abril de 1636. Velaquí a súa partida de bautismo, que se atopaba no folio 44 do desaparecido libro sacramental: «En veintinueve de abril de mil seiscientos treinta y seis en mi presencia y de mi licencia Pedro de Medal, rector de Santa María de Ois, bauticé un hijo de Antonio de Avia y Dominga de Medal, su mujer, le puso nombre Domingo, fueron sus padrinos Alonso Carro y María Dorribo, su mujer, vecinos de la ciudad de Betanzos y de verdad lo firmo y certifico, Pedro Sánchez de Parga.»

Para Domingos de Avia expediuse a petición de informacións o 11 de febreiro de 1659, co obxectivo de ser admitido á prima clerical tonsura e aos graos. A primeira testemuña foi o labrego Xoán de Medal, que indicou que os pais do rapaz «lo hicieron durante ellos el matrimonio, le hicieron bautizar, criar y alimentar y por tal su hijo legítimo siempre lo han tenido y alimentado (…) y sabe así mismo estar confirmado. Está confirmado por su Señoría Ilustrísima estando en la ciudad de Betanzos». O carácter do candidato era descrito como o dun home «virtuoso, recogido, jamás le ha visto ni tenido noticia anduviese de día ni de noche con armas ofensivas ni defensivas, ni hábito indecente, ni tiene inclinación de entrar en tales unas».

A segunda testemuña, Sebastián da Ermida, chegou a coñecer «a Pedro de Avia, su abuelo, y a los demás, así paternos como maternos y tuvo enteras noticias de sus antepasados». Do mesmo xeito, tamén «lo vio el testigo ayudar de buena voluntad a las Misas, confesar y comulgar a menudo». O último veciño interrogado, Andrés González, afirmou que naqueles anos o pai do candidato xa falecera. Neste caso, a documentación coincide coa biografía tamén nun aspecto significativo: Domingos de Avia seguiu o camiño cara ao estado eclesiástico, pero non chegou ao sacerdocio. Segundo a vida de frei Pedro, faleceu sendo subdiácono.

Rodrigo Espiñeira

O último dos seis compañeiros presenta maiores dificultades para a súa identificación. No memorial da biografía aparece como Rodrigo Espeinera, forma que probablemente corresponde a unha derivación ou mala interpretación do apelido Espiñeira. Menciónase como fillo de outro Rodrigo. A fonte sitúao como natural de Santa Baia de Cruces, noutras edicións como «Crutes». Este topónimo e freguesía non se corresponden, polo menos na actualidade, con ningún nome coñecido do nomenclátor galego.

Unha hipótese plausible é que o autor interpretase incorrectamente o nome da parroquia e que se tratase, en realidade, de Santa Baia de Curtis, situada a uns vinte quilómetros de Ois. A proximidade xeográfica fai que esta identificación resulte posible, aínda que non existe documentación suficiente para dala por demostrada. As pesquisas realizadas na serie das Sagradas Ordes do Arquivo Diocesano non permitiron localizar ningún expediente que poida ser atribuído con seguridade a Rodrigo Espiñeira. Tampouco temos a sorte de conservar o libro de bautismos desta parroquia que comprenda os anos correspondentes. Non se pode descartar que profesase posteriormente nunha orde relixiosa e fose ordenado sacerdote no seo desta. Nese caso, a documentación relativa á súa persoa podería conservarse nos fondos da correspondente comunidade e non na documentación diocesana consultada. Por agora, polo tanto, Rodrigo Espiñeira continúa sen poder ser identificado con seguridade.

A verosimilitude da tradición

A anécdota dos «sete cregos na escola» podería parecer un recurso propio da literatura haxiográfica, pero a documentación consultada permite matizar esta interpretación. Dos seis compañeiros mencionados en Arco Iris de Paz, varios poden identificarse con persoas documentadas nos procesos de acceso ao estado clerical, coincidindo en idades, procedencia e formación.

Aínda que o valor simbólico do número sete puido influír na transmisión da historia, detrás da anécdota parece existir un núcleo histórico verosímil: varios mozos da contorna de Ois recibiron formación e encamiñáronse cara á carreira eclesiástica. Así, estas pesquisas permiten recuperar parcialmente a memoria daqueles compañeiros e coñecer mellor o ambiente relixioso no que se formou frei Pedro de Santa María e Ulloa.

Luis Ángel Bermúdez Fernández