- Un encontro organizado pola iniciativa Igrexa polo Traballo Decente.
- A teóloga Carmen Soto analizou os retos e avances da participación feminina á luz do documento final do Sínodo.
O salón de actos do Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) acolleu o venres 13 de marzo, ás 19.00 horas, unha xornada de reflexión e recoñecemento con motivo da conmemoración do Día da Muller na Igrexa.
A iniciativa Igrexa polo Traballo Decente foi a encargada de organizar este encontro, que reuniu a membros da comunidade eclesial, representantes diocesanos e persoas interesadas en reflexionar sobre a presenza e a contribución das mulleres na vida da Igrexa. A coordinación da xornada correu a cargo de Alfredo Losada.
Unha reflexión teolóxica sobre a presenza feminina
O momento central do encontro foi a conferencia impartida pola teóloga Carmen Soto, titulada “A muller na Igrexa dende o documento final do Sínodo”. A relatora ofreceu unha reflexión ampla sobre a presenza e o papel das mulleres na Igrexa á luz das conclusións do proceso sinodal, abordando tanto os avances realizados nas últimas décadas como os desafíos que aínda permanecen abertos.
Ao comezo da súa intervención, Soto subliñou que a reflexión sobre o lugar das mulleres dentro da comunidade eclesial non pode entenderse illada do contexto histórico e social no que se desenvolve. Lembrou que ao longo do tempo as mulleres foron adquirindo unha maior conciencia da súa dignidade e dos seus dereitos na sociedade, o que tamén levou a moitas delas a cuestionar a súa posición dentro da Igrexa e a reclamar unha participación máis plena.
A teóloga destacou que o documento final do Sínodo recoñece explicitamente a contribución esencial das mulleres na vida e na misión da Igrexa, especialmente no ámbito pastoral, comunitario e educativo.
Un dos puntos que centrou parte da súa exposición foi a importancia de comprender que a igualdade fundamental entre homes e mulleres na Igrexa nace do bautismo. Desde esa perspectiva, sinalou que a comunidade cristiá está chamada a facer visible esa igualdade nos distintos ámbitos da vida eclesial, favorecendo unha maior presenza de mulleres en tarefas como a reflexión teolóxica e acompañamento espiritual.
Ao longo da súa intervención, a teóloga insistiu en que o proceso iniciado co Sínodo supón unha oportunidade para avanzar cara a unha Igrexa máis participativa e corresponsable. Neste sentido, afirmou que a sinodalidade non pode entenderse unicamente como un método de traballo, senón como unha forma de vivir e construír a comunidade cristiá.
“A participación real das mulleres é unha condición necesaria para que a Igrexa poida vivir plenamente a sinodalidade”, sinalou durante a conferencia, na que animou ás comunidades eclesiais a continuar reflexionando e traballando neste camiño con diálogo, formación e responsabilidade compartida.
Recoñecemento ao compromiso de tres mulleres
A segunda parte do acto estivo dedicada a recoñecer publicamente o labor de tres mulleres da diocese de Santiago que, desde distintos ámbitos, destacan polo seu compromiso coa comunidade e coa transmisión da fe.
Un dos recoñecementos foi para María del Carmen García, nai de familia vinculada á parroquia de Ribeira, destacada pola súa entrega á familia e pola súa participación constante na vida social e relixiosa da súa comunidade. Debido á súa situación persoal, o galardón foi recollido por representantes da súa contorna.
Tamén foi homenaxeada Milagros Martínez, profesora de relixión e catequista na parroquia de San Nicolás da Coruña, recoñecida pola súa longa traxectoria educativa e pastoral acompañando a nenos, mozos e familias no seu camiño de formación humana e espiritual.
O terceiro recoñecemento recaeu na relixiosa Pilar Wirtz, teóloga e membro da Compañía de María, cunha ampla traxectoria no ámbito eclesial e social.
Clausura da xornada
A xornada concluíu coa intervención do arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto Fernández, quen agradeceu a participación das persoas asistentes e destacou o valor deste tipo de encontros para favorecer a reflexión dentro da comunidade eclesial.
Na súa intervención, o arcebispo subliñou que a Igrexa está chamada a avanzar nun camiño de sinodalidade, entendido como unha maneira de camiñar xuntos desde a dignidade común que nace do bautismo.
Neste sentido, lembrou que a sinodalidade non debe interpretarse só como unha metodoloxía de traballo, senón como unha forma de ser Igrexa, na que todas as persoas bautizadas están chamadas a participar activamente.
Finalmente, o prelado animou ás persoas presentes a seguir comprometéndose na construción dunha comunidade eclesial máis participativa e corresponsable, na que cada persoa poida achegar os seus dons ao servizo da misión común.
A xornada rematou cunha mensaxe de gratitude e esperanza, convidando a continuar traballando conxuntamente para fortalecer a vida das comunidades cristiás.






