• Cando traballar non alcanza: as persoas mozas esixen dignidade e futuro
  • ITD denuncia o cambio de paradigma que afronta a mocidade actual ao incorporarse a un mercado de traballo que esixe hiperformación, pero salarios insuficientes

As persoas mozas viven un contexto social moi distinto ao de xeracións pasadas. Empezan a traballar máis tarde debido ás esixencias dun mercado laboral, que demanda unha cualificación cada vez máis elevada e maior experiencia previa. A iso, súmanse os prexuízos sociais que cualifica os mozos como unha xeración inconstante, pouco comprometida e irresponsable.

Cando finalmente conseguen entrar no mercado laboral, as novas xeracións atópanse con que en moitos casos o traballo xa non é garantía de autonomía ou independencia. Unha persoa nova ten que destinar hoxe o 102,3% do seu salario para poder alugar unha vivenda en solitario, segundo o Observatorio de Emancipación da Mocidade de España 2025.

Con motivo do Día Internacional dos Traballadores e a festividade de San Xosé Obreiro, a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) denuncia as crecentes dificultades que enfrontan as persoas mozas para acceder a un traballo decente e a unha vida en condicións dignas. A hiperformación, o inicio tardío no emprego, os salarios insuficientes e a precariedade ademais de lastrar o seu futuro, afecta profundamente a súa saúde mental e emocional.

A precariedade non pode ser a norma

No seu manifesto, titulado “Traballo decente, dereito, non privilexio”, ITD denuncia que o modelo laboral actual normalizou a inestabilidade e a precariedade, erosionando a esperanza das persoas mozas. “Cando non sabes se mañá vas poder dar de comer aos teus fillos, ou se o que estás a estudar che permitirá ter un traballo digno, é fácil caer no desánimo”, recolle o manifesto citando a Bula coa que o Papa Francisco convocou o Xubileu da Esperanza.

Ante esta realidade, ITD esixe ás institucións públicas e á sociedade no seu conxunto unha escoita real ás demandas da mocidade, que pasa por garantir traballos estables e con dereitos; facilitar o acceso á vivenda e promover políticas que aseguren unha estabilidade vital e emocional.

“O traballo debe volver ser un camiño cara á realización persoal e a dignidade”, lembra o Papa Francisco na encíclica Laudato Si. Este 1 de maio, ITD convida a alzar a voz por unha mocidade que merece un futuro con xustiza, dignidade e oportunidades reais.

En Santiago de Compostela os actos a celebrar e aos que convidamos a toda a cidadanía son os seguintes:

– Concentración en Solidariedade coas Persoas Desempregadas na Praza do Toural ás 19:00 h con lectura do Manifesto da Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente

Mesa Redonda: Temos dereito a un traballo decente na aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia ás 19:30 h con participación de :

– Paulo Carril, Secretario Xeral da CIG.

– Javier Carballo, Profesor da Facultade de Relacións Laborais

– Sissy Lozano, Traballadora nova en situación de precariedade laboral.

Modera a mesa, unha representante da HOAC.