- Igrexa polo Traballo Decente denuncia que o emprego precario aboca a mulleres, mocidade e persoas migrantes á pobreza
- Igrexa polo Traballo Decente denuncia a precariedade laboral e esixe dignidade para as persoas migrantes
- Lamenta que a Iniciativa Lexislativa Popular para unha regularización extraordinaria de persoas migrantes siga paralizada no Congreso
Con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se celebra o vindeiro 7 de outubro, as organizacións que integran a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) súmanse, un ano máis, a millóns de traballadores e traballadoras de todo o mundo para lembrar que o traballo decente é un dereito irrenunciable, nunca un privilexio.
“Resulta doloroso constatar que en pleno 2025, tras décadas de loitas obreiras e sociais, aínda teñamos que reclamar o esencial: un salario xusto, contornas de traballo seguras e saudables, respecto aos horarios e ao descanso, así como igualdade de trato sen discriminacións de xénero, orixe ou situación administrativa”, denuncia ITD no seu manifesto, ao tempo que reclama “a continuidade do diálogo entre todos os axentes implicados na mellora das condicións de traballo ata acadar o traballo decente”.
O traballo que se xera hoxe non sempre abre camiño á inclusión. “Mozos, mulleres, familias con menores a cargo e persoas migrantes enfróntanse a maiores riscos de pobreza e exclusión social, incluso tendo emprego”, sinala.
Neste ano do Xubileu da esperanza, ITD quere poñer o foco nunha das situacións máis graves: a das persoas traballadoras migrantes. Segundo o Banco Central Europeo, no último lustro as persoas migrantes foron responsables do 80% do crecemento económico de España. Aínda que só representan o 13,6% do emprego, protagonizaron máis do 40% dos novos postos de traballo creados no último ano. A pesar desta contribución, o seu traballo segue marcado pola precariedade e o escaso recoñecemento social.
ITD lembra que o 9 de abril de 2024, o Congreso dos Deputados aprobou por maioría absoluta a toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para unha regularización extraordinaria. Porén, máis dun ano despois, o proceso permanece paralizado, condenando á invisibilidade e á economía somerxida a centos de miles de persoas que buscan sobrevivir con dignidade.
“O traballo decente expresa a dignidade de toda persoa, é libremente elixido, contribúe ao desenvolvemento comunitario, garante o respecto sen discriminación, sostén ás familias e asegura condicións xustas na xubilación”, lembran as entidades de ITD. Por iso, lanzan un chamamento firme: “Reclamamos xustiza. Reclamamos humanidade. Reclamamos traballo decente: dereito, non privilexio”.
DATOS SOBRE A REALIDADE LABORAL
- ESPAÑA
Persoas traballadoras desempregadas: 2.553.100 (EPA, 2T2025)
Taxa de paro: 10,29%. Mulleres: 11,50 %; Homes: 9,20 %. 40 % de longa duración (EPA, 2T2025)
Taxa de temporalidade: 15,4 %. 44 % parcialidade involuntaria (EPA, 2T2025).
Inactividade laboral por motivos de coidado. Mulleres: 20,1 %. Homes: 4,9 %
796 persoas traballadoras morreron por causa da sinistralidade laboral (Ministerio de Traballo, 2024)
12,5 millóns de persoas (25,8 %) en risco de pobreza (EAPN xuño 2025)
Entre 475.000 e 514.000 persoas traballadoras migrantes sen dereitos. Fonte: ILP
- GALICIA
Persoas traballadoras desempregadas: 106.000 (EPA, 2T2025)
Taxa de paro: 8,34%. Mulleres: 8,02 %; Homes: 8,64 %. 33 % de longa duración (EPA, 2T2025)
Taxa de temporalidade: 15,9 %. 51 % parcialidade involuntaria
Inactividade laboral por motivos de coidado. Mulleres: 22,46 %. Homes: 4,31 %
58 persoas traballadoras morreron por causa da sinistralidade laboral (Ministerio de Traballo, 2024)
488 700 persoas (18,8 %) en risco de pobreza






