A institución do xubileu aparece no pobo hebreo. Tiñan o ano sabático e o ano xubilar. Aquel era cada sete anos, un ano de descanso, non sementaban as leiras nin podaban as viñas. Vivían dos aforros dos anos anteriores.
Tamén tiñan os hebreos o ano xubilar, que era despois de sete semanas de sete anos (49 anos), é dicir, cada 50 anos. Nese ano recobraban as súas propiedades empeñadas os antigos propietarios (Vide o Libro do Levítico, cápitulo 25, 1-7).
Con estas leises quería dicirse que Dios é o dono das terras e non poden acugularse os bens en poucas mans.
A voz “xubileu” vén da palabra hebrea “xobel”, que significa “carneiro”, pois o xubileu anunciábase ó pobo dunha forma ritual tocando o corno dun carneiro. Hoxe, a palabra está incorporada ó latín e ás linguas románicas.
Con estes antecedentes, tamén os Romanos Pontífices proclamaron o Xubileu Romano. Nos comezos, era cada cen anos, sinalando para iso os anos que remataban en 00. Pareceu moi longo ese espazo de un século e optaron por fixar o xubileu cada 50 anos. Pero tamén este parecía un periodo moi largo e quedou fixado en cada 25 anos, como agora está. Con isto, será fácil que todos os católicos teñamos ocasión na vida de celebrar o Xubileu Romano. Así, pois, entramos nun Ano Santo romano neste 2.025.
Moi coñecido por nós é o Ano Santo Compostelán. Pero este ten frecuencia moito máis breve. Cadra cando o 25 de xullo, día do Apóstolo, é domingo. Obedece esa frecuencia a esta sucesión de anos: 7, 5, 7, 11. No 2.027 teremos Ano Santo Compostelán.
Agora hai moitos xubileus particulares con motivo de datas importantes para igrexas, capelas ou ordes relixiosas.
Todo xubileu ten unhas normas concretas para gañar as gracias prometidas. Sempre se pide confesión, comunión e visita ó santuario.
Os que por razón de enfermidade ou lonxanía non poidan facer a visita quedan dispensados dela.
É importante subliñar que os xubileus queren promover a vida cristiá dos crentes, quizais adormecida pola rutina de acotío.
As peregrinacións, as concentracións dos fieis son testimonio de Fe ante tanta indiferencia que parece asoballarnos. No caso de Roma, son unha adhesión ó ministerio universal.
Xosé Pumar Gándara