Xubileu de Esperanza: Unha xornada pola reinserción e a dignidade

No marco da Coresma, a comunidade viviu unha xornada de profunda reflexión e esperanza co Xubileu das persoas privadas de liberdade. Un encontro no que se puxo de manifesto a importancia da misericordia, da conversión e da reinserción social, lembrando que todos, en maior ou menor medida, compartimos erros e fraxilidades ao longo da vida.

A xornada estruturouse en tres momentos significativos. O primeiro, un encontro educativo nun colexio do arciprestado, permitiu que os asistentes dialogasen sobre os prexuízos que moitas veces pesan sobre aqueles que cometeron erros na vida. Falouse da dureza de estar privado de liberdade, das malas decisións que poden levar a unha persoa ao cárcere e da angustia que supón estar lonxe da familia. Pero sobre todo, abordouse o desexo de cambio, de ser libre e de reconducir a vida cunha nova oportunidade.

O segundo momento clave foi a celebración xubilar da Eucaristía, que tivo lugar ás 16:30 horas. Nesta celebración, evocouse a chamada á humildade propia da Coresma e a necesidade de implorar o perdón. Recoñecer os propios erros, pero tamén apostar pola reconciliación e a misericordia, foron os piares desta celebración que uniu tanto a quen está en liberdade como a quen sufriu a experiencia da reclusión. As preguntas que nos fixemos foron: hai posibilidade de cambiar (conversión)?, que esperas atopar cando saias en liberdade e, finalmente, a sociedade cre na reinserción e está preparada para acoller e acompañar?

Finalmente, ás 17:30 horas, tivo lugar un encontro cos mozos e mozas de Confirmación. Foi un espazo de diálogo sincero, onde se compartiron testemuños que puxeron en evidencia a necesidade de cambiar a mirada cara a quen saíu do cárcere. A esperanza de que a sociedade non sinale, senón que apoie na reinserción, foi unha mensaxe central. A importancia de ser acollidos con dignidade e a oportunidade de comezar de novo quedou gravada na mente de todos os presentes.

Neste Xubileu da Esperanza, a mensaxe foi clara: tanto quen está en prisión como quen non, comparten debilidades e erros. Como nos recorda o Evanxeo, “tratade aos demais como queredes que vos traten a vós”. Apostar pola reinserción é apostar pola misericordia e a conversión, que todos precisamos e que é o camiño fundamental cara á Pascua que se aproxima.