- Na XXXVIII Semana da Familia, que coincidiu co 50 aniversario da igrexa parroquial e co Ano Xubilar, a Parroquia de Carballo converteuse nun espazo de encontro, lembranza e esperanza.
A Parroquia San Xoán Bautista de Carballo celebrou a súa XXXVIII Semana da Familia, organizada pola Asociación de Pais Católicos, entre os recordos de formigón e o fervor da fe, cunha intensidade e simbolismo que deixaron pegada no corazón dos fregueses.
Esta edición da Semana da Familia adquiriu un significado moi especial: coincidiu co 50 aniversario da inauguración do templo parroquial, nun tempo especialmente marcado polo Ano Xubilar Romano e pola recente morte do Papa Francisco.
Grazas a unha concesión especial da Arquidiocese de Santiago, esta Semana da Familia pasou a ser tamén unha das catro semanas xubilares que celebra a parroquia San Xoán Bautista de Carballo ao longo do ano: a Semana dos Sacramentos (previa á Semana Santa), a das festas patronais de San Xoán, a das festas da Virxe Milagrosa e, por suposto, a Semana da Familia. Nestes tempos fortes de graza, o templo carballés convértese en espazo xubilar ofrecendo aos fieis a posibilidade de obter a indulxencia plenaria.
Luns de memoria: a construción dun soño común.
A Semana comezou o luns 28 cunha mesa redonda titulada “Lembrando a construción da igrexa”, unha homenaxe viva á orixe do templo e á fe colectiva que o fixo posible. O apagón histórico desa tarde, lonxe de deslucir o acto, fixo que a luz do cirio destacase aínda máis, evocando a forza da comunidade que, en tempos escuros, soubo acender esperanza.
O arquitecto José Manuel Rey Pichel, emocionado ao volver á súa terra, compartiu a súa lembranza da infancia entre os muros antigos e a inspiración que o levou a deseñar un templo que encarnase os ideais do Concilio Vaticano II: unha Igrexa próxima, participativa e profundamente comunitaria.
Ao seu carón, e baixo a moderación do xornalista Santiago Garrido, os sacerdotes José García Gondar e Manuel Rodríguez lembraron os días de celebracións litúrxicas en locais improvisados, o apoio incondicional dos veciños e a orde de derrubo do antigo templo, vivida como un adeus e un novo comezo. A igrexa erguida en 1975, hoxe recoñecida como ben patrimonial pola Xunta, foi lembrada non só polo seu estilo arquitectónico, senón como símbolo de unión dunha comunidade que soubo construír algo máis ca pedra: unha casa común de fe e esperanza.
Martes de historia: os templos como pegadas vivas.
O martes 29, o historiador Xan Fraga guiou os asistentes por un percorrido polas “Historia dos templos de Carballo”. Dende os rexistros do século XV ata os cambios urbanísticos do presente, Fraga subliñou o valor espiritual e patrimonial dos espazos sacros. A súa intervención, rica en documentación e imaxes inéditas, espertou a conciencia de preservar a memoria material como parte da identidade compartida.
Mércores de redención: un xubileo entre muros.
Enmarcado nos actos do Ano Xubilar e organizada pola Delegación Diocesana de Pastoral Penitenciaria, o mércores 30 viviuse unha das xornadas máis fondas e emotivas da Semana da Familia. Co lema evanxélico “Estiven na cadea e viñéstesme ver”, celebrouse o Xubileo coas persoas privadas de liberdade, nun encontro que traspasou os muros e abriu camiños de misericordia.
Na Eucaristía, Juan González Redondo, vigairo de Santiago e capelán do Centro Penitenciario de Teixeiro, destacou un cristianismo que non exclúe, senón que perdoa e acolle, mesmo nos espazos máis escuros da sociedade. Ionut e Ambra, dúas persoas privadas de liberdade que están a vivir o difícil camiño da reintegración, foron exemplo vivo desa fe que non xulga, senón que abraza e ofrece novas oportunidades. As súas testemuñas emocionaron profundamente aos fregueses, deixando un recordo inesquecible de que a fe non pon barreiras, senón que sempre abre portas á dignidade e á esperanza.
Xoves episcopal: Carballo na historia da Igrexa.
O xoves 1 de maio, Luis Ángel Bermúdez, historiador da arte e cantor na Catedral de Santiago, disertou sobre as visitas pastorais e os persoeiros ilustres que marcaron a historia relixiosa de Carballo. Desde o bispo mons. Nicolás French ao actual arcebispo de Santiago mons. Francisco José Prieto, pasando por mons. Carlos Escribano, bautizado en Carballo e hoxe bispo en Zaragoza, a charla foi un recordatorio de que Bergantiños ten sido e segue sendo terra fértil de fe e servizo.
Sábado de graza: entre a unción e a confirmación.
O sábado 3 foi día dobremente sacramental: a primeira hora da tarde celebrouse o Xubileo dos Enfermos coa Unción comunitaria, e pola noite, a confirmación de 45 mozos e o bautismo de dous adultos que recibiron os sacramentos de iniciación cristiá da man do vigairo de pastoral, Javier Porro. Foi un día de verdadeiro alento de esperanza para a parroquia, pois non só se celebrou a incorporación de novos membros á comunidade, senón tamén a reafirmación do compromiso na fe dos fregueses.
Domingo de gratitude: a casa das nais, a casa da familia.
O domingo 4, coincidindo co Día da Nai, a misa parroquial foi unha homenaxe a todas as nais que souberon sementar amor, valores e fe nos fogares carballeses. O párroco, José García Gondar, convidou a todos os fregueses a rezar en familia, a lembrar con gratitude os fundadores da comunidade e a facer da súa vida unha pequena Igrexa doméstica, onde o Evanxeo brille con luz propia.
En definitiva, a XXXVIII Semana da Familia de Carballo pechou cunha imaxe tan profunda como a que a inaugurou: un símbolo de luz. O apagón inicial, que sumiu o templo na escuridade durante horas, acabou por resaltar a forza do cirio pascual, unha chama que permanece viva no corazón das familias carballesas. Porque a verdadeira estrutura da Igrexa non está feita de pedra, senón de persoas que cren, que lembran, que reciben os sacramentos e que camiñan xuntas á luz do Evanxeo.






