Escolas Católicas de Santiago: Acto de entrega premios Sarmiento e Rec-Curta

Pola mañá, os colexios de Escolas Católicas de Santiago participarán no Día das Letras. Iniciarán a xornada cunha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres para, posteriormente, realizar os roteiros literarios pola cidade. Como novidade, este ano inclúese o roteiro de Antonio Fraguas.

Xa pola tarde, en horario de 17.00 h a 19.00 h no Salón Carlos V do Hotel Monumento San Francisco entregaranse os premios literarios Frei Martín Sarmiento, que xa van pola súa décimo quinta edición, e os da décima edición do certame de curtametraxes REC.Curta apoiados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e que contan co patrocinio de Cans e de Mediamarkt. O  acto, que será conducido pola comunicadora e locutora Paula Pájaro, estará presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo presidente da xunta directiva de Escolas Católicas, Juan Manuel Buján.

 

PREMIOS FREI MARTÍN SARMIENTO

Ao redor de 3.000 alumnos e alumnas deciden cos seus votos quen son os merecedores deste galardón literario, que leva o nome do bieito ilustrado e defensor da lingua galega Frei Martín Sarmiento, nas súas sete categorías.

Gañadores

Campus Morte, de Lito Vila Baleato faise co galardón da sexta categoría, dirixida a Bacharelato e a adultos.

Descoñecidos, de David Lozano e editado por rodeira Edebé é o gañador da quinta categoría.

A incrible viaxe de Noa, de Fernando M. Cimadevila, publicada por Contos Estraños, foi o que obtivo máis votos na cuarta categoría.

Ledicia Costas e a súa obra A Señorita Bubble, de Xerais,  é a gañadora da 3ª categoría.

Catro Pedras Vellas de Pere Tobaruela, publicado por Baía Edicións, é o galardoado na segunda e María Lado con Cinco Minutos, editado por Auga Editora, a primeira.

Entre o alumnado de  Infantil o libro que máis gustou foi Un máis de Olalla González publicado por Kalandraka.

REC.CURTA

Foron 26 as curtametraxes presentadas á décima edición deste concurso que naceu  coa idea de fomentar o uso da lingua galega no ámbito cinematográfico. Divididas en dúas categorías 1ª, dirixida a alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO e 2ª dirixida a 4º de ESO e Bacharelato, as curtas reflicten temas relacionados coa cultura galega como as lendas, as tradición, os costumes… pero tamén as preocupacións dos adolescentes, as súas vivencias, e os seus desexos. A curtametraxe gañadora da 1ª categoría deste ano foi Radio, presentada por alumnado dos Padres Franscicanos de Lugo onde reflicten como nun ambiente hostil, un grupo de rapaces é capaz de conseguir que o mundo sexa mellor. O premio ao mellor actor foi para Andrés Collantes, alumno do colexio La Salle que participa en Xacobeo, unha curta que trata o tema da peregrinación a Santiago de Compostela.

En canto á 2ª categoría, este ano quixemos destacar as partes introdutorias das curtas porque amosan unha calidade excelente; nalgún caso, de profesionais. Este é o caso, por exemplo, da curta premiada Os García, presentada por alumnado do colexio María Inmaculada de Vigo. O mesmo acontece coa música onde cada ano, constatamos como cada vez máis alumnos/as se animan a crear e compoñer a súa propia música ou coa dirección onde son cada vez máis as rapazas que se animan a dirixir os traballos.