II Encontro do Arciprestado de Faro-A Coruña para impulsar o Plan Pastoral Diocesano

O Arciprestado de Faro-A Coruña celebrou este sábado na Grande Obra de Atocha o seu II Encontro Arciprestal, centrado nunha xornada de traballo sobre o Plan Pastoral Diocesano. Houbo participación de máis de 50 persoas, entre sacerdotes e laicos en representación de máis de 25 parroquias e comunidades, co obxectivo principal de avaliar o traballo realizado ata o momento sobre o Plan Pastoral e retomalo con accións renovadas.

A xornada iniciouse cunha oración comunitaria e a presentación das conclusións dos grupos de traballo que participaron no primeiro encontro arciprestal o pasado 14 de marzo. De seguido, analizáronse as experiencias e dificultades atopadas na presentación do Plan Pastoral nas comunidades, destacando a exposición práctica que tivo lugar na parroquia de San José e a intervención do delegado diocesano de Pastoral Familiar que transmitiu como se presentou en catro arciprestados da diocese na vicaría de Santiago.

A dinámica principal de traballo desenvolveuse mediante a distribución dos asistentes en sete grupos, nos que se debateron e acordaron as propostas concretas para implementar no conxunto do arciprestado. Tras a posta en común no salón de actos, o arcipreste, José Manuel Hermida, animou aos participantes a seguir aterrando o plan nas distintas unidades pastorais e comunidades.

No peche do encontro anunciáronse varias iniciativas arciprestais para este curso, entre as que destacan:

• A Escola de Biblia para catequistas e laicos (os segundos mércores de cada mes ás 20h no Fogar de Santa Margarida).

• Unha peregrinación arciprestal á Catedral de Santiago programada para febreiro con motivo do Ano Santo Compostelán.

• A creación dun grupo de comunicación e un novo portal web para coordinar e difundir as actividades parroquiais e interparroquiais.