I Encontro Interdiocesano de Santos Misioneiros Galegos

O pasado sábado, 26 de setembro, celebrouse na contorna de Cea o I Encontro Interdiocesano de Santos Misioneiros Galegos, unha xornada que reuniu a máis de 110 amigos e amigas das misións procedentes de todas as provincias de Galicia. Trátase dun gran comezo para esta iniciativa que nace coa vocación de consolidarse no calendario diocesano.

A xornada comezou pola mañá cunha Eucaristía, celebrada na parroquia de Santa María de Carballeda, presidida polo bispo ourensán, don Leonardo Lemos, e unha semblanza sobre San Juan Jacobo Fernández, santo mártir de Damasco, franciscano, nado na aldea de Moire. A continuación, os asistentes compartiron un xantar fraternal en Cea.

Xa pola tarde, o programa completouse cunha visita cultural ao mosteiro de Oseira e un momento de oración polas misións. O encontro serviu para poñer en valor e reflectir o labor dos misioneiros, que fan do mundo o seu fogar para levar o Evanxeo a quen non o coñece, así como para animar á participación activa na misión e visibilizar a importancia desta tarefa no compromiso cristián.

Todas as delegacións para as misións da provincia eclesiástica de Galicia, deron comezo, así, ao mes de outubro, mes misioneiro, no que, ademais, estarán a celebrar o centenario do Domund.