A igrexa de Xaviña, en Coristanco: un exemplo da renovación artística do século XVIII

  • PATRIMONIO RELIGIOSO | Consérvase moita documentación deste templo, o que permite datar todo o seu proceso evolutivo

Na nosa contorna son moitas as freguesías que contan cun rico patrimonio relixioso. Moitas veces é difícil documentar todas as obras por importantes lagoas nos seus arquivos, debido, principalmente, pola falta dalgún dos libros de administración. Non sucede así na freguesía de Xaviña, xa que se conservan as contas parroquiais dende o ano 1652. Isto axudou no só a coñecer as etapas construtivas da sinxela igrexa, senón tamén a datar con precisión a feitura dos retablos e de todas as imaxes, encadradas na renovación artística vivida no século XVIII.

A igrexa de Xaviña, de pequenas dimensións, ten forma de planta en cruz cuberta con bóveda; mentres, o seu campanario, edificado polo ano 1758, imita a torre do reloxo da catedral de Santiago, tan repetida nos nosos templos do rural. O que máis chama a atención deste son os seus tres retablos, chamados de estípite, é dicir, as columnas que os articulan teñen forma de pirámides invertidas. Este elemento apareceu na zona tudense ao redor do ano 1720, chegando ao ámbito compostelán no 1730 e difundíndose por toda a contorna unha década máis tarde.

Neste caso, os retablos de Xaviña (Coristanco) foron adquiridos de maneira desigual: os primeiros foron os colaterais, no ano 1755. Naqueles anos, a capela maior estaba ocupada por un retablo realizado un século antes, na década dos anos trinta do XVII, xa que na visita pastoral de 1639 o visitador ordenou: «Para pagar el retablo mayor […] que el rector reparta en los feligreses cada uno conforme hubiere». Esta sinxela peza pronto quedou fóra das modas imperantes, deste xeito, en 1761, encontramos gastos relativos ao actual retablo maior, posiblemente do mesmo autor que os colaterais.

Ao mesmo tempo que se renovou o mobiliario litúrxico, tamén se encargaron novas efixies dos santos venerados pola parroquia: no 1759 a imaxe da Virxe do Socorro e san Xosé, colocados en cada capela lateral; en 1763 pintáronse as novas tallas de santo Tomé, san Xoán Bautista e san Cidre, situados no retablo maior; en 1774 adquiriuse a imaxe de san Antonio de Padua, destinada ao retablo colateral da nosa esquerda e, por último, unha efixie de santa Margarita en 1793.

No século XX os fregueses quixeron completar este repertorio de santos, engadindo dúas imaxes do Sagrado Corazón, unha Virxe do Carme, unha Inmaculada (todas elas de escaiola), e unha talla de san Cidre, moi venerado na parroquia, que foi realizada polo taller de José Rivas na cidade de Santiago.

Fuente: La Voz de Galicia