- AMPARO E CATAPULTA DA SOCIEDADE | O inmenso labor das entidades propiciou unha rede solidaria e asistencial
«Algo se muere en el alma, cuando un amigo se va», di a canción. Carballo enteiro despediu como se merecía ao amigo Pedro Luis Fernández Pombo, agradecendo o labor que realizou como xeneroso colaborador. «En nome da parroquia, do centro social Fogar da Xuventude, berce da polifacética actividade de Pedro Luís; do catecismo, no que colaborou como catequista e secretario eficaz; do coro Aires de Bergantiños, do que era compoñente; do tecido asociativo e, de xeito especial, do Padroado Fogar de Bergantiños, secretario xa dende os seus comezos, e de Vieiro, da que foi xeneroso colaborador, queremos dar grazas a Deus pola vida de Pedro e mostrar a súa familia os nosos sentimentos de proximidade». Así se expresou o día do funeral Fina Rey, presidenta do Padroado e de Vieiro.
A véspera da súa morte inesperada, como se viñera a despedirse, estivo no despacho parroquial, falando de como organizar a elección de Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano 2021. E nesta conversa, na que lembramos a Balboa, fixemos un repaso de canto, desde que el era neno e secretario do Catecismo, se leva feito desde a parroquia e o Fogar da Xuventude-Centro Social por Carballo. Cantos bos e xenerosos contribuíron a que isto fose así. Como escribiu Xan Fraga no artigo O centro parroquial, xermolo de cultura e liberdade, publicado no libro 25 anos xuntos construíndo Igrexa: «O Centro parroquial serviu de amparo e catapulta ás diversas inquedanzas sociais e culturais que había neses anos setenta, especialmente dentro da xuventude». Por iso, hoxe, na persoa de Pedro Luís, lembro con corazón agradecido a todos os que axudaron durante estes 50 anos a «acoller, abrir portas e construír Igrexa» a facer un Carballo mellor. Sen esquecer, como xa se sabe, todo o que na parroquia se leva feito na construción de templos, no aspecto catequético, litúrxico e por parte de Cáritas.
En 1973, realizouse o ambicioso proxecto de converter o tele club Fogar da Xuventude, na casa da cultura de Carballo. Elaborouse un amplo programa de actividades: conferencias, audicións musicais, clases gratuítas para o graduado escolar, guitarra, teatro, baile e gaita, actividades deportivas… Daquela organizouse por primeira vez a Cabalgata de Reis que seguiu ininterrompidamente a ata hai dous anos.
No ano seguinte naceu, con intencionalidade reivindicativa galeguista o grupo Nós, que se convertería en Lumieira. Creouse a agrupación teatral Atella, baixo a dirección de José Antonio Pérez Mena e de Agustín Trigo Vitureira, que coa mocidade puxeron en escena no cine Rega varias obras. As escenificacións do belén e da Paixón de Xesús, baixo a dirección de Fernando Carro Romero, marcaron época. Entre os moitos actores lembro ao finado Xosé Manuel Eirís coa zanfona cantando panxoliñas.
As festas de San Xoán de 1976 foron organizadas polo Fogar da Xuventude. En colaboración coa comisión, a revista Mensaje de Bergantiños convoca un certame literario, en prosa e verso, sobre ritos e costumes da noite de San Xoán e a muller bergantiñá. Para as do ano seguinte o concurso foi sobre o mar en Bergantiños e houbo unha primeira edición do de pintura e fotografía, relativo a temas bergantiñáns.
Pregón de San Xoán
O 22 de xuño no salón de plenos do Concello, xunto coa entrega de premios dos certames, ten lugar o pregón, que pronuncia de xeito maxistral Xosé Pumar Gándara, párroco de Seavia, ao que seguiron en anos posteriores Avelino Abuín de Tembra, Gonzalo de la Huerga Fidalgo e Antonio Vázquez Guillén. O discurso, que naceu na parroquia, sería seguido despois polos de Nadal e Semana Santa. Son innumerables as actividades culturais de todo tipo que a parroquia, desde o Fogar da Xuventude, promoveu. Destacaría as semanas culturais, que nos deron a posibilidade de escoitar a primeiras figuras da cultura galega. Baste lembrar o programa de charlas da quinta edición, como preparación para o día das Letras Galegas, do 5 ao 17 de maio de 1977: Alfredo Brañas e Bergantiños, patria do nacionalismo galego, por Ramón Piñeiro; Igrexa na nova Constitución, por monseñor Rouco Varela; López Ferreiro e a cultura galega, por Xosé Filgueira Valverde; Promoción cultural do campesino galego, por Avelino Pousa Antelo; A igrexa galega hoxe, por Andrés Torres Queiruga, e No centenario de López Abente, por Avelino Abuín de Tembra.
As seguintes, dedicadas á cultura galega, contaron con conferenciantes de renome como Antonio Fraguas, José Ramón Barreiro Fernández, Marino Dónega, Carlos Amable Valiñas e monseñor Araujo, bispo de Ferrol. Ademais, en anos posteriores organízanse cada curso semanas da Xuventude, da Familia e dos Avós.
Colaboracións con entidades e clubes propios
No ámbito deportivo, salientar a organización do primeiro campionato de fútbol infantil por rúas e do de fútbol sala do Catecismo, que foi o xermolo da marabilla das escolas que hoxe funcionan en Carballo. Estas actividades teñen cada vez máis presenza e o Fogar da Xuventude, co patrocinio da Deputación, organiza un curso de rugby e outro de ciclismo, do que vai xurdir o Club Ciclista Carballo.
Créase a Agrupación Deportiva Fogar da Xuventude, baixo a presidencia de Carlos Mancebo, que se vai dedicar especialmente a natación, constituíndo o Club Fogar Natación Carballo, polo que pasaron tantos mozos.
No 1992, os membros do Fogar organizan a primeira liga de verán de baloncesto, que continuaría varios anos. Daba gloria ver todas as tardes-noites de xullo e agosto centos de mozos sentados na praza animando ós equipos.
Colaboracións
Abrir portas, colaborar… Foi sempre a actitude da parroquia. Por iso en outubro de 1979 iniciáronse as clases do Conservatorio de Música e Declamación. Ademais cedéronse o salón e varias aulas para que comezasen aquí as clases de formación profesional, pois aínda que había sitio no Instituto Alfredo Brañas, a dirección non quería que os alumnos llas estragasen. Tamén se cederon espazos para as clases do colexio A Cristina. E sempre os locais da parroquia estiveron abertos para todo tipo de reunións durante estes 50 anos. Aspaber, Vieiro, asociación de exalcólicos… comezan aí a súa andaina.
Pais Católicos
No curso 86-87 ten lugar a constitución da asociación de Pais Católicos San Xoán Bautista para axudar na educación dos fillos, fomentando ámbitos de encontro e desenvolvemento humano e cultural, así como o aproveitamento do tempo libre. A Semana da Familia vai ser cada ano a actividade forte. Desde 1989 vén celebrándose de xeito ininterrompido con conferenciantes do máximo nivel. Levamos xa 36 edicións. Como compromiso ponse en marcha o servizo de acollida e orientación familiar que atende xenerosamente a psicóloga Isabel Castiñeiras
E para a atención aos maiores, constitúese a asociación da Terceira Idade San Xoán Bautista, que se integra no organigrama do Centro Social. Un amplo programa de actividades recreativas, culturais e de convivencia… Inícianse as Semanas dos Avós, comedor social e centro de día para na reitoral de Berdillo por parte de Cáritas.
Persoeiros do ano e grupos musicais
Outra iniciativa, a través de Mensaje de Bergantiños e do Fogar da Xuventude, foi a designación dos persoeiros do ano 1978: carballés, bergantiñán, galego, español e internacional. Para participar había que remitir á redacción de Mensaje de Bergantiños o cupón publicado, cos datos para a identificación do personaxe. Así se inicia a elección dos persoeiros do ano ata que, posteriormente, se constitúe o Padroado Fogar de Bergantiños, do que Pedro Luís foi secretario.
No aspecto musical, hai que ter un recoñecemento especial ao querido Manuel Rodríguez, que converteu o coro Xuventude de Bergantiños na Coral Polifónica de Bergantiños. Do Vidas Alegres, que comezou a cantar na Misa da Xuventude, naceu Xocaloma. Tamén saíron da parroquias os coros Aires de Bergantiños, Ribeiras do Anllóns, Vagalume de San Cristovo, O Candil en Sísamo… E no ano 1994 legalízase a asociación Xotaina, que viña funcionando como grupo do catecismo e dedícase con moito éxito ao baile galego, cantareiras e gaiteiros.
Estudos Bergantiñáns e actividade social
Unha parroquia promotora de cultura, enraizada na nosa terra e que se distinga polo amor a Galicia. Iso intentamos sempre, e con esta finalidade o consello parroquial, na reunión do 17 de outubro do 1998 acorda crear o Instituto de Estudios Bergantiñáns que se integrará no Centro Social. A súa finalidade é recoller, estudar e dar a coñecer a Historia, Xeografía, Etnografía, Socioloxía, Lingua, Arte e Cultura de Bergantiños. Noméase director a Xosé Pumar Gándara. Alegrámonos que siga tendo vida propia e camiñe polo seu pé.
Dentro deste capítulo de promoción da cultura destacamos a Editorial CSSXB do Centro Social. Comeza con 25 anos xuntos construíndo Igrexa e segue cunha cantidade inmensa de materiais que a parroquia leva publicado durante estes anos como subsidia para a catequese, as festas, a Semana Santa, actividades de todo tipo: carteis, programas, folletos… Mención especial merece a aposta que a parroquia fai polas novas tecnoloxías , coa web https://parroquiacarballo.org que Manuel García Gomez, secretario do consello parroquial actualiza diariamente.
O centro social foi fundado no ano 1996 e ten as súas orixes na asociación xuvenil Fogar da Xuventude. Foron os mesmos mozos, xa adultos os que lle deron forma ós estatutos para que fose un espazo aberto e interxeracional, onde nenos, mozos, adultos e xubilados poidan participar nas diversas actividades.
Desde o principio vén sendo centro de día para a terceira idade e xuventude, e sede das diversas asociacións que o integran, realizando de xeito continuo un intenso e variado programa de actividades. Tamén acolle os ensaios da coral polifónica de Bergantiños, do coro Aires de Bergantiños, a coral Ribeiras do Anllóns, as cantareiras Nemeth, Xotaina, a escola de xadrez…
Apoio e acollida
Ademais, brinda acollida, orientación e apoio aos inmigrantes que están entre nós, así como aos galegos retornados, e ofrece os seus locais á asociación Latinos en Bergantiños. Tamén aposta desde o curso 98/99 por cursos formativos para a inserción laboral, publicados no boletín A Xanela: Axuda a domicilio e xeriatría, axudante de cociña, informática e xestión comercial, axudante de panadería e repostería, corte e confección-maquinista industrial… O apoio educativo Bo samaritano e, sen dúbida, o máis fermoso de canto se fai aquí, así como o programa a alfabetización e español para estranxeiros. Serve para a integración escolar, socio-laboral e familiar dos grupos de poboación marxinal, inmigrantes e emigrantes retornados con risco de exclusión social. Foi recoñecido co título de Carballés do Ano 2005, e no 2008 recibe por parte do Concello de Carballo o premio do Programa de Fomento da Emprendedoría.
A escola de formación de axentes de pastoral, o Ano Xubilar da Milagrosa, a casa de acollida Fogar Dona Basilisa, unha parroquia que aposta polas novas tecnoloxías, o labor encomiable de Cáritas…. Son sinais de que a parroquia quere seguir tendo as portas abertas e acoller agarimosamente a todos para seguir construíndo igrexa e un Carballo mellor.
José García Gondar
Artículo publicado en La Voz de Galicia