A Raíña: un encontro de fe, amizade e irmandade que traspasa fronteiras

Mesía viviu onte unha xornada inesquecible coa Festa de Santa María Raíña, un día que quedará gravado na memoria como un mosaico de emocións, música e fraternidade, no que a fe se converteu en vida compartida.

O sacerdote Víctor Blanco Naveira, promotor e alma mater destas xuntanzas, conseguiu de novo convocar arredor da mesa común a 25 curas, un monxe cisterciense, varias relixiosas e centos de persoas chegadas dende moitos recantos de Galicia, e tamén de Bilbao, Málaga, Madrid, México, India, Venezuela, EEUU, Cuba, Mali, Senegal, Angola, Afganistán, Arxentina, Brasil, Italia, Francia, Ucraína, Inglaterra, Filipinas. A profecía bíblica fíxose realidade: “E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa” (Lc 13,29).

A xornada principiou cunha eucaristía, continuou cun xantar compartido onde os sacerdotes foron acollidos “de dous en dous” nas casas e mesas da xente, e prolongouse en actuacións musicais, danzas e festa sen fin.

O dúo Karamba puxo o compás á celebración, mentres o pobo enteiro, co apoio dos concellos de Vilasantar, Mesía, Curtis e Frades, así como do GES e Protección Civil, converteu a romaxe nun mosaico de hospitalidade.

Pero máis alá da organización, dos nomes e das cifras, o que quedou foi unha sensación fonda de comunidade. “Como lle pagaremos ao Señor tanto ben como nos fai?”, preguntaba Blanco Naveira, recoñecendo que a gratitude é a única resposta posible.

Dende a Asociación Raíña, impulsora do encontro, lembra que esta festa é sobre todo un acto de unión, de amizade e de fraternidade, unha rede invisible que se renova ano tras ano e que segue medrando máis alá das fronteiras.

Onte, nas terras altas de Vilasantar, a fe converteuse en canto, a mesa en altar, e a diversidade en irmandade. O eco desa festa, entre oracións e bailes, seguirá a resoar moito tempo: “Graciñas, eternamente graciñas”.