- A aposta da Consellería de Cultura e Turismo permitirá rehabilitar o monumento, mellorar os servizos de atención a turistas e peregrinos e ampliar a oferta cultural
O Consello da Xunta deu hoxe un novo impulso á celebración do Xacobeo 21 autorizando a sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Seminario Maior de Compostela para poñer en valor o mosteiro de San Martiño Pinario, un dos edificios máis destacados de Santiago e Galicia. Trátase dunha actuación pola que o Goberno autonómico investirá 625.000 euros e que permitirá rehabilitar o monumento, mellorar os servizos de atención a turistas e peregrinos e ampliar a oferta cultural na meta do Camiño de Santiago.A Xunta de Galicia achegará un total de 205.00 euros para realizar melloras na conservación e optimización deste monumento.
Concretamente, desenvolveranse traballos na estrutura do edificio que afectarán o sistema deiluminación, ás carpinterías exteriores, á cuberta da sancristía, ao sistema de amplificación ou aos retablos, que serán tratados para paliar a afección por termita e couza. Así mesmo, co obxectivo de mellorar a atención aos peregrinos, o Goberno galego destinará 120.000 euros ao programa de visitas guiadas e á limpeza e mantemento do conxunto. Para avanzar na preparación do vindeiro Ano Santo, impulsarase tamén a creación dun produto específico de carácter cultural e turístico dirixido tanto aos propiosveciños como aos peregrinos e turistas. Trátase da Tempada Lírica San MartiñoPinario, baixo a que se celebrarán sete actuacións, e o ciclo Peregrinos polo Camiño da Música, que inclúe cinco espectáculos.
A achega para estes concertos será de 100.000 anuais ata 2021.O Goberno autonómico persegue con estas actuacións a difusión e promoción de espazos emblemáticos da cidade de Santiago, máis aló da Catedral, contribuíndo así á diversificación de fluxos e garantindo a conservación do patrimonio. Todo isto coa vista no Xacobeo 21, un evento que constitúe para Galicia un motivo de orgullo e unha oportunidade de desenvolvemento e de reforzo da súa dimensión internacional.Ben patrimonial de referencia en EspañaO mosteiro de San Martiño Pinario é un dos conxuntos histórico-artísticos máis impresionantes de España, pois constitúe a segunda construción relixiosa máis grande na súa tipoloxía. As súas orixes están vinculadas ao culto do Apóstolo Santiago, destacando, precisamente, a custodia do Sepulcro entre os seus labores fundamentais. A grandiosidade deste mosteiro non pasa desapercibida para os moitos viaxeiros e peregrinos que chegan a cidade de Santiago de Compostela e ao longo da historia é frecuente atopar testemuñas sobre esta construción relixiosa.
As actuacións impulsadas para o mantemento do edificio e a creación dunha nova oferta cultural e turística están enmarcadas no Plan director do Camiño de Santiago a folla de ruta para a preparación, desde 2015, do vindeiro Ano Santo. Concretamente, as accións impulsadas ao abeiro do convenio autorizado hoxe polo Consello enmárcanse na liña estratéxica que ten como obxectivo fortalecer a imaxe da cidade de Santiago como meta.
Fonte: Xunta de Galicia