Confirmacións no Seminario Menor

O pasado sábado, o Seminario Menor acolleu a Vixilia de Pentecoste que foi presidida polo Sr. Arcebispo. Esta Vixilia é celebrada normalmente na Catedral de Santiago pero, por mor das obras de restauración da Catedral, o Sr. Arcebispo decidiu que, este ano, tivera lugar na Capela Xeral do Seminario Menor.

Nela recibiron o sacramento da Confirmación 42 mozos e mozas, que procedentes de distintas parroquias da cidade de Santiago e arredores (Santa María Salomé, San Bieito do Campo, San Miguel dos Agros, San Caetano e os Pais Somascos, San Froitoso, Santa Marta e San Pedro de Bugallido), xuntáronse cos 11 alumnos do Seminario Menor que ao longo deste curso recibiron a catequese necesaria para poder recibir este Sacramento. O Sr. Reitor, os formadores do Seminario e os sacerdotes encargados destas parroquias concelebraron co Sr. Arcebispo. A parte musical correu a cargo do coro parroquial de Santa María Salomé.

Unha vez mais, o Seminario Menor converteuse nun novo cenáculo, onde se fixo presente o Espírito Santo: os apóstolos, os mozos e mozas, reunidos con María, patroa do Seminario, recibiron a forza do Espírito para ser as testemuñas do amor de Deus.