No día de hoxe, o Diario Oficial de Galicia publica o Decreto 181/2020 que modifica o decreto 179/2020 de 4 de novembro, no relativo ás “limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto”.
Esta nova redacción literalmente di:
«Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto
- Na Comunidade Autónoma de Galicia a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.
Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.
- A asistencia a lugares de culto, nas condicións establecidas no número anterior, non poderá superar o terzo da súa capacidade nos concellos enumerados nos números 1 e 2 do punto primeiro deste decreto.
- Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.
- As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa».
Polo que desde hoxe, o aforo dos lugares de culto queda do seguinte xeito:
- Nos Concellos sen restricións: 50 % do aforo.
- Nos Concellos con restricións: 33 % do aforo.
Esta medida segue en vigor ata as 15.00 h. do 4 de decembro, agás que sexan modificadas polas autoridades sanitarias.
Santiago de Compostela, a 10 de novembro de 2020.
O Vicario xeral