AHDS: Presentación do catálogo da biblioteca persoal do profesor Manuel Lucas Álvarez

O Arquivo Histórico Diocesano presenta esta semana o catálogo da biblioteca persoal do profesor Manuel Lucas Álvarez, historiador e político compostelán de brillante traxectoria falecido no 2014. Esto foi posible mercé a Excelentísima Deputación Provincial da Coruña e ao programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro (FO200/2021).

Logo de formarse en Filosofía e Letras (sección de Historia) na Universidade de Santiago (1942-1946) e de obter a graduación con premio extraordinario na especialidade de Paleografía e Diplomática, desenvolveu o posto de director do colexio maior “Rodríguez Cadarso” e adicouse á docencia como catedrático da universidade desde 1953. Acadou nesta insigne institución compostelá os cargos de secretario xeral (1961-1968), vicerreitor (1968-1974) e reitor (1974-1975). Sucumbiu tamén á política: primeiro como concelleiro e tenente de alcalde da cidade (1955-1961) e logo como deputado provincial pola provincia da Coruña (1958-1963), pasando a presidir o consello de administración da Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago (1964-1980) e, asemade, o da Federación de Caixas de Aforro de Galicia (1965-1980), vicepresidindo tamén a Caixa Galicia.

Mais é a súa faceta como historiador e erudito a que cómpre suliñar, e que o levou a ser membro correspondente da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e do Instituto de Estudos Xacobeos; e pola que se lle concedeu a medalla Castelao (2004): velaí obras como El Santuario de Nuestra Señora de Pastoriza (1951), El Monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media (1996), El archivo del Monasterio de San Martiño de Fóra o Pinario de Santiago de Compostela (1999), San Paio de Antealtares, Soandres y Toques (2001) o El Monasterio de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela en la Edad Media (2003), por non mencionar as incontables colaboracións e artigos firmados por el para diversas publicacións.

A súa biblioteca, reflectida nas seguintes páxinas, é boa mostra nalgúns dos títulos das paixóns, aficións e coñecementos do profesor Lucas Álvarez: nela topamos inéditas maridaxes nas que autores como Ibn Abd Al-Hakam ou Abraham ben David comparten espazo con referentes do pensamento occidental tales que Francesco Petrarca, Johan Huizinga, Jacques Le Goff e André Leroi-Gourhan, transitando por un literario Camiño que peregrina no imaxinario cara a Compostela deténdose nas obras de Justo Pérez de Urbel, Marcelino Menéndez Pelayo, Ramón Tamames e Antonio Mingote… . Para chegar aos “nosos” Manuel Murguía, Eduardo Blanco Amor, Ramón Mariño Paz, Anselmo López Carreira ou Xosé Luís Méndez Ferrín, nun percorrido tan heteroxéneo como inusual, que queda agora a disposición dos interesados e pasa a formar parte, por dereito propio, do acervo documental universal que custodia e pon á disposición do público este Arquivo Histórico Diocesano de Santiago.