Arranque da Semana Cultural en Belvís

O Seminario Menor da Asunción ven de inaugurar a súa Semana Cultural, un encontro xa consolidado que chega á súa décima edición.

A temática deste ano xira en torno á Ribeira Sacra, unha realidade que veñen traballando de xeito interdisciplinar nos cursos da ESO, dentro da metodoloxía Trilema que caracteriza a este centro da Rede Escolas que Aprenden, e que recentemente se está a implantar na nosa comunidade autónoma.

Para o arranque desta semana, entre diversas actividades, contaron coa presenza de D. Xosé Gago, Arqueólogo e Xestor Cultural do Concello da Pobra do Brollón, que disertou cunha interesante conferencia titulada Ribeira Sacra, un mundo por descubrir.

Ao longo dos próximos días seguirán mergullándose no que é unha das xoias do noso patrimonio e farán o posible por dalo a coñecer ás familias na súa próxima Celebración da Aprendizaxe.

De feito, este martes pensan visitar este lugar tan emblemático, coñecendo o románico de Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi, percorrendo a pé os Codos e o Embalse de Belesar, asomándose ó Cabo do Mundo dende a adega de Abadía da Coba ou perdéndose polas rúas do conxunto monumental de Monforte de Lemos.