Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela vén de poñer en marcha unha nova iniciativa formativa dirixida a persoas migrantes: o Curso de Introdución á Lingua e á Cultura Galegas. A proposta forma parte do compromiso da entidade coa inclusión, a diversidade cultural e a construción dunha sociedade máis xusta e cohesionada.
Os cursos estanse a desenvolver durante os próximos meses en distintas localidades da diócese, grazas á colaboración entre as Cáritas e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. O seu obxectivo principal é facilitar a vida cotiá e favorecer a integración das persoas migrantes mediante a adquisición de coñecementos básicos da lingua galega, así como o achegamento á historia e á cultura de Galicia.
O pasado 16 de xuño deu comezo un dos cursos no Salón Azul do Concello de Betanzos, con 12 participantes procedentes de Venezuela, Colombia, Perú, Arxentina e Senegal. A diversidade entre os asistentes, tanto no tempo de estancia en Galicia como nas súas linguas de orixe, está a supoñer un reto que se está a afrontar con grande entusiasmo e interese tanto por parte do alumnado como do equipo docente. Neste curso participan como docentes dúas voluntarias da Cáritas Parroquial de Betanzos, con ampla experiencia docente no ensino público e privado.
As sesións teñen un enfoque eminentemente práctico, con exercicios constantes de comunicación, así como actividades fóra da aula, como visitas a comercios e museos. O material didáctico utilizado foi facilitado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O curso de Betanzos rematará o 27 de xuño, tras completar 20 horas lectivas de formación intensiva sobre a lingua e a cultura de Galicia.
Ademais de en Betanzos, o curso estase a celebrar ou está previsto en outras localidades como A Estrada (do 5 de xuño ao 7 de agosto), Cee (do 12 ao 27 de xuño) e Santiago de Compostela, onde terá lugar do 7 ao 29 de xullo. As sesións en Santiago impartiranse os luns e martes de 10:00 a 12:30 horas, cun total de 20 horas lectivas. Tamén está prevista a súa realización en A Coruña, Carballo, Noia, Ribeira e Vilagarcía de Arousa.
As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 981 55 44 33, escribindo ao correo electrónico emprego.cdsantiago@caritas-santiago.org.
Esta acción formativa reforza o papel de Cáritas coa acollida, a diversidade e a integración, contribuíndo a garantir que todas as persoas poidan participar activamente na vida social e cultural de Galicia.







