En 1954 era un neno de oito anos cando tiven o privilexio de vivir os primeiros pasos do exercicio docente de don Carlos García Cortés, no Fogar de Santa Margarida. Non podía eu sospeitar que aquel mestre de tan só 19 anos ía ser tan decisivo na miña vida e na de milleiros de católicos, si, milleiros, na maduración vital e intelectual no exercicio da fe.
Nunha breve autobiografía inserida no libro colectivo da promoción sacerdotal dos ordenados no ano 1966 na diocese de Santiago, Carlos fala do seu labor ministerial e afirma que as actividades académicas de director e profesor de teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán, así como a creación, posta en marcha e extensión da Escola Diocesana de Teoloxía de Segrares, e máis o cultivo de concretas monografías de investigación e divulgación histórica, «nunca me impediron —explicou— valorar as actuacións sacerdotais que desenvolven moitos compañeiros nas súas parroquias e ministerios nas vilas e cidades, pero sobre todo no mundo rural, onde se estima tan pouco unha tarefa pública imprescindible en favor dos seus fregueses, da que non desertan para irse a mellores espazos sociais».
E engadiu: «Xa con medio século de sacerdocio ás costas, un vai tendo a convición de que, malia os fallos humanos e espirituais que temos persoalmente, somos un colectivo cunha tarefa formativa, moral, social, humana, que segue sendo insubstituíble para a sociedade desta época».
Aínda que viviu e exerceu en Santiago a meirande parte do seu sacerdocio, o labor de Carlos proxectouse a toda arquidiocese compostelá, e fóra dela, grazas sobre todo á Escola Diocesana de Teoloxía de Segrares, para a que procurou aulas, ademais de en Santiago, na Coruña e en Pontevedra. Estes centros axudaron á actualización da fe a máis de seis mil alumnos que as frecuentaron e son testemuñas e beneficiarios daquela iniciativa que se despregou noutras derivadas dela, como as Semanas de Teoloxía e Pastoral da Coruña, polas que pasaron figuras eminentes e moi representativas da teoloxía, tanto de Galicia como de España.
Gratitude especial debémoslle a Carlos os coruñeses. Por onde ía, non deixaba de lembrar con agarimo especial a cidade onde naceu. E as tarefas ás que se dedicou, xa xubilado da docencia, tiveron A Coruña como inspiración e motivación, que el soubo converter nun servizo brillante, coas biografías de diversos persoeiros coruñeses do século XX, como os sacerdotes don José Toubes Pego, fundador de El Ideal gallego, don Baltasar Pardal, de La Grande Obra de Atocha, e don José Sardina Muíños, do Fogar de Santa Margarida. Salientables, e de agradecer, ademais, as monografías dos Templos coruñeses e das Fundaciones sociales católicas en La Coruña contemporánea. As parroquias de San Pedro de Mezonzo e de San Xurxo débenlle os seus estudos históricos.
As incursións de Carlos no estudo histórico da ilustración coruñesa produciron, así mesmo, notables biografías dos ilustrados, entre outros, Pedro Vaamonde, Lucas Labrada e o cura de Fruíme, Diego Zernadas. Pasou pola nosa vida con discreción e lealdade, con senlleira exemplaridade e exquisita delicadeza no trato. Grazas, Carlos. Roga por nós.