Comeza a 52ª edición da Pascua Xoven en Arousa baixo o lema “Desconecta dende dentro”

Arousa acolle un ano máis a tradicional Pascua Xoven, que chega á súa 52ª edición cun programa cheo de actividades, música e convivencia. Organizada pola Parroquia de A Nosa Señora da Xunqueira, esta edición celébrase como sempre no colexio das Filipenses, onde dende hoxe se xuntan 10 grupos de mozos e mozas chegados de distintos puntos de Galicia.

Manuel Couceiro Cahaldora comentaba hoxe que “aínda que onte e antonte o sol brillaba coma se estivésemos en pleno agosto, esta mañá o tempo deu un xiro: o ceo amencía nublado, fiel á súa cita co evento, xa que, como din os veteranos da organización, sempre que chega a Pascua Xoven, chegan tamén as nubes”.

Os preparativos xa levan días en marcha. Os músicos estiveron montando toda a tarde de onte, e o bar, xestionado polas señoras da Xunqueira, xa está a pleno rendemento para atender aos participantes, ofrecendo ceas e bocadillos.

A Pascua Xoven é máis que un encontro relixioso ou lúdico: é un espazo de encontro, reflexión e amizade, que aposta por valores como a solidariedade, o coidado da natureza e a vida interior. Este ano, baixo o lema “Desconecta dende dentro”, anímase á mocidade a desconectar do ruído exterior para conectar consigo mesma e coa comunidade.

Un ano máis, Vilagarcía convértese no epicentro da espiritualidade xuvenil galega.