Dúas horas de loas a un varón sabio, humilde e honesto

«O que se humille será exaltado». A frase do Evanxeo de Lucas cumpriuse onte ao pé da letra nas dúas horas de homenaxe recibida por un varón «adornado de sabedoría e honestidade», o crego Xosé Pumar Gándara, que case nonaxenario asistiu coa cara encarnada á chuvia de loas que lle caían de parte de Cristina Abelleira, presentadora do acto; Xan Fernández Carrera, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB); José García Gondar, párroco de Carballo; Xosé Manuel Varela, filólogo; Xosé Antonio Andrade, avogado, e Luís Guiadás, historiador.

Foi no salón parroquial, ateigado de carballeses, bergantiñáns, xentes de Bastavales e de Val do Dubra, terra de nacenza deste crego de gran altura intelectual, humanista, «ilustrado, sabio, erudito e egrexio», como dixo Fernández. Un clérigo contemporáneo -apuntaría Abelleira- que foi o primeiro presidente do IEB e «guía» perpetuo.

«Amigo, mestre e conselleiro» é para José García Gondar, que se chanceou con algunhas anécdotas. Dixo de Pumar que podería ter sido catedrático de latín, de historia, filósofo e incluso arquiveiro diocesano. «Se el estivese non roubarían o Códice», comentou entre os risos da xente. Revelou que un dos principios que inspirou a creación do IEB, que foi alentado polo consello parroquial, era que «en amor a Galicia que non nos gañe ninguén». Gondar tamén enumerou os logros máis mundanos do homenaxeado: un campo de fútbol de Bastavales, que leva nome do artífice, a casa reitoral de Trazo, entre outros. A chegada de Pumar a capital carballesa «foi un regalo», segundo Gondar, quen confesou que o seu amigo pon «poucas penitencias» cando confesa.

Andrade foi repasando a vida do crego, nacido o 8 de outubro de 1931 en Santiago de Buxán. É o cuarto cura en catro xeracións da súa familia. E para ordenarse tiveron que pedir dispensa a Roma porque era case dous anos máis novo do permitido. Ademais é un home, «no amplo sentido da palabra, bo», afirmou Xosé Manuel Varela lendo un texto enviado de Montevideo. Falou das bondades literarias do vello sacerdote e tamén o cualificou como un dos patriarcas da cultura galega e comparouno con Saturnino Cuíñas, Andrés García Vilariño e Frai Martín Sarmiento. Andrade e Varela pediron unha escultura, unha rúa, un centro cultura… para este home que levará detrás unha «nube de chirlomerlos» do IEB. Logo, Pumar recibiu un cadro de mans de Fernández e o coro de Carballo agasallou con tres pezas ao veterano clérigo, que é bo músico e compuxo himnos aos lugares nos que estivo. As loas foron devoltas polo homenaxeado para quen sempre peregrina na busca do saber.

Fuente: Xosé Ameixeiras | La Voz de Galicia
Foto Basilio Bello

 

Máis información