Ensinanzas da pandemia

Temos que aprender dos males que nos aflixen para defender o ben que temos e converter aqueles en experiencia para o ben. Velaquí uns pensamentos:

Queda manifesta a unidade da especie humana e a súa vulnerabilidade. As fronteiras non son lindes para valores superiores, nin para males que nos deterioran.

Invertir en sanidade para protexerse. Pero interesa unha sanidade universal. De outra forma non haberá victoria sobre a pandemia.

Invertir en educación. Refírome a unha educación cívica, corresponsable nos comportamentos sociais ante males xerais.

A humanidade acadou un gran progreso. Tanto, que estamos chegando a niveis que a natureza xa case non pode soportar.Non sabemos como dominar a contaminación, o cambio climático.

Necesitamos políticos con vocación de servir ó pobo, sacrificando ilusións persoais, ou de grupo. Penso naqueles que fundaron a Unión Europea (daquela Mercado Común) como Adenauer, De Gasperi, Schuman e outros que son recoñecidos como “padres de Europa”, firmantes do Tratado de Roma (1.957).

Non se trata de formar bloques para o enfrontamento, senón unións estables que vaian gañando a outros para compartir ideas de paz e progreso universais.

Velaí a lección que podemos aprender da pandemia do covid-19.

Xosé Pumar Gándara