Juan Félix Neira rescata a figura do crego erudito Rafael Ares, de Pazos

  • É o protagonista do seu libro titulado ‘Misterios e encantos de Bergantiños’ // Unha obra que forma parte da colección Costa da Morte de Edicións Embora

O investigador Juan Félix Neira Pérez despidirá o ano cunha nova publicación dentro da colección Costa da Morte, de Edicións Embora: Misterios e encantos de Bergantiños. O ouro soñado e outras quimeras. Nesta ocasión rescata a figura de Rafael Ares y Torres, un crego erudito que exerceu na parroquia do Divino Salvador de Pazos (Ponteceso) a mediados do século XIX, ademais de dar a coñecer un Ciprianillo de Beres (Cabana de Bergantiños).

Rafael Ares, natural de Santa María do Azogue (Betanzos), comezou o seu curato en Pazos en 1845 e prolongouno ata xullo de 1880, data na que asina a súa derradeira defunción, a dun “párvulo en el Limbo de los Justos”. Aínda está en pé a casa na que viviu durante a súa estadía: a reitoral de Vimieiro.

Durante os seus case corenta anos de sacerdocio en Pazos preocupouse por realizar unha ampla colleita de cultura popular tanto da súa parroquia como doutras de Bergantiños. Como ben di Félix Neira no prólogo, Rafael Ares “deixounos un capital inestimable de noticias sobre a vida cotiá das parroquias rurais bergantiñás na segunda metade do século XIX”. En certa maneira, exerceu de xeógrafo, historiador, antropólogo, etnógrafo, filósofo ou filólogo; en definitiva, unha especie de Frai Martín Sarmiento instalado no corazón de Bergantiños.

Todo lle interesaba e todo o anotaba. En Misterios e encantos de Bergantiños dáse a coñecer un importantísimo legado de cultura inmaterial bergantiñá de man de Rafael Ares. O seu gran valor é que documenta no século XIX patrimonio inmaterial que hoxe está desaparecido ou do que sobreviviu vaga memoria.

Así, achégase información sobre a pedra do xabrón, a pedra do raio, o trigal maldito de Mens, os pasais da ría de Canduas, a impía Galilea, a viga de ouro, a galiña cos pitos de ouro, a muller coa tenda de xéneros, a xentila coa pedra fiando na roca, a furna do encanto, o Ciprianillo, a morada de xigantes do castro de Ouxas, lendas dos castros de Coristanco, a moenda do ouro, o ouro fúnebre, os cadáveres das Cadaveiras, o ouro das pías, o ouro dos fornos, o ouro das Piruleiras, o tesouro celta de Lestimoño, a pegada dos tesouros en petóns e minas ou o arqueotopónimo da Mesquita. Toda esta ampla relación de bens inmateriais referénciase na totalidade dos concellos de Bergantiños, ofrecendo desta maneira unha xeografía sincrónica das lendas bergantiñás vivas durante o século XIX.

O Ciprianillo de Beres consérvase na casa de Eduardo Grela Rey, Felisa Varela e o seu fillo Eduardo. A eles legárallo o avó de Felisa, Francisco Varela Oróns, natural do Rieiro, parroquia de San Xoán do Esto (Cabana).

A capa do no novo libro do escritor de A Pobra do Caramiñal acolle unha ilustración simbólica, obra da pintora muxiana Viki Rivadulla.

Juan Félix Neira é catedrático de latín no IES Eduardo Pondal, de Ponteceso, e profesor de Literatura Castelá na UNED da Coruña. Gusta da investigación arquivística da que son froito publicacións arredor de Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán, a endemoñada de Padrón, Francisco Rodeiro, o santuario do Briño ou a espiritada de Gonzar. Con Os mercados e feiras dominicais na terra de Soneira gañou o I Concurso de Memoria Histórica de Vimianzo.

A obra presentarase en tres escenarios. A primeira cita é o próximo venres, día 30 en Pazos (Ponteceso); o sábado 7 de xaneiro na igrexa de Santiago de Mens (Malpica de Bergantiños) e o sábado 28 no centro de interpretación de Dombate (Borneiro, Cabana).

Indicar que a colección Costa da Morte de Edicións Embora está dirixida polo filólogo malpicán Xosé Manuel Varela Varela. Nela teñen publicado libros os escritores Xosé Antonio Andrade Figueiras, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Francisco Bernis, Xosé González Reyes ou Xabier Maceiras Rodríguez.

 

Fuente: El Correo Gallego