Monseñor Barrio louba e agradece a exposición “Mestre Mateo”

Intervención do arcebispo na inauguración oficial:

Esta tarde inauguramos no Pazo de Xelmírez a exposición Mestre Mateo, itinerancia en Compostela da celebrada, con grande éxito, no Museo Nacional del Prado en meses pasados. Foi unha grande ocasión para dar a coñecer, ao gran público, a obra e figura dun personaxe fundamental para a nosa catedral; e agora a terán todos os composteláns e aqueles peregrinos, turistas e visitantes que cheguen á cidade nos próximos meses.

O proxecto Mestre Mateo uniu os esforzos da Fundación Catedral, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Museo Nacional del Prado, contando, neste caso, coa colaboración da Xunta de Galicia que fixo posible darlle continuidade no tempo. Con este proxecto, ponse en marcha, ademais, o programa de difusión Descubrindo a catedral, co cal a Fundación Catedral quere, a través de exposicións temporais e outras actividades culturais e comunicativas, transmitir á sociedade a importancia do programa de obras de restauración e rehabilitación que se levan a cabo na catedral e que se prolongarán ata as portas do próximo Ano Santo Compostelán dous mil vinteun, sen dúbida, a máis relevante intervención que se realizou na basílica xacobea nos últimos cen anos.

A catedral de Santiago é unha mestura de estilos e épocas. Iniciábase a súa construción cara ao ano mil setenta cinco e prolongouse ata que o Mestre Mateo concluíu a súa construción cun gran proxecto que é obxecto de atención na presente exposición e que estaría concluído no esencial para a consagración do templo no mil dosucentos once. Esta estrutura románica veríase pronto remozada, ampliada, renovada, con sucesivas intervencións que foron sucedéndose ao longo dos séculos, sumando a presenza dos diferentes estilos artísticos. Cada unha destas obras forma parte da personalidade dun templo único que é orgullo de Galicia, admiración para tantos visitantes e faro para miles de peregrinos que, cada ano, achéganse a el. Esta consideración afirma a nosa identidade que posibilita o encontro no horizonte da diversidade que é o que enriquece a un pobo, mirando o que se recibe e onde quérese e débese ir. É no rico Patrimonio artístico da Igrexa, onde atopamos o testemuño de fe dos que nos precederon e que serve hoxe como linguaxe de beleza para educar na fe ás novas xeracións.

En todas estas épocas, leváronse a cabo importantes actuacións na catedral, sempre cunha premisa que se repite: a colaboración institucional e o amor cara a ela por parte dos seus impulsores. A catedral de Santiago nunca sería o que é sen o papel desenvolvido polos seus prelados e capitulares, pero, tampouco, sen o apoio da administración civil. Todo fito na historia e a arte da catedral tivo detrás, en todos os casos, a colaboración entre a Igrexa e o Estado; e iso sérvenos de modelo para os programas que agora se desenvolven.

A última centuria foi, fundamentalmente, para os labores de conservación e adecuación do templo a novas necesidades e, nesta liña, atópanse os proxectos que se están desenvolvendo na actualidade da man da Fundación Catedral, institución que o Cabildo catedralicio creou, en dous mil nove, para encargarse daquelas funcións propias da xestión cultural na catedral: conservación, arquitectura, administración, museo e arquivo. Nos seus apenas oito anos de historia deben destacarse os seus logros nos ámbitos da conservación, o estudo e a difusión do patrimonio cultural catedralicio; e a eles pertence o proxecto Mestre Mateo, que serviu para avanzar no coñecemento dun período clave para a catedral, para dalo a coñecer e para mellorar a conservación da obra do Mestre Mateo, que forma parte dos fondos artísticos da catedral. Boa parte destes proxectos chegaron grazas á colaboración institucional e ao mecenado.

Toda intervención na catedral é ocasión de descubrila. De feito, unha boa parte das pezas das súas coleccións correspóndense con achados no curso de obras de restauración, escavacións arqueolóxicas, remodelacións, cambios de usos, etc. Así é como hai que ver as obras que actualmente se desenvolven no complexo. Obviamente, levan molestias inherentes ás mesmas: estadas, lonas, ruídos, etc. pero son, ademais de necesarias para o futuro da catedral, ocasión de afondar no seu estudo e realizar novos descubrimentos. Na actualidade, a través da Fundación Catedral desenvólvense distintos proxectos de investigación na que participan diversas universidades e centros de estudo; e levan a cabo proxectos multidisciplinares en varios ámbitos con participación de técnicos e profesionais que, nas súas fases avanzadas, levan aparellados programas de difusión para dar a coñecer os seus resultados, como é o caso da exposición Mestre Mateo. O próximo Ano Santo iniciarase coa nosa catedral renovada e, seguramente, iniciaranse novos proxectos para seguir mellorando a súa conservación e coñecemento; mentres tanto gocemos das novas oportunidades que as obras nos brindan para descubrila e querela máis e mellor; polo momento, aproximándonos á conclusión da construción da catedral románica a través do Mestre Mateo e a súa obra.

O poeta Virxilio, autor das Bucólicas, escribiu:  “Mentres o río corra, os montes fagan sombra e no ceo haxa estrelas, debe durar a memoria do beneficio recibido na mente do home agradecido”. Como os ríos corren, os montes fan sombra e hai estrelas no ceo, ninguén se estrañe que remate con esta actitude de agradecemento.