O Arquivo da Catedral de Santiago pon en marcha unha base de datos de peregrinos medievais

  • O proxecto, que forma parte do programa O teu Xacobeo, pode consultarse en http://catedraldesantiago.es/badapem
  • É unha iniciativa colaborativa, de maneira que calqueira usuario poderá engadir novos datos ao listado.

A presencia constante de peregrinos, dende a primeira peregrinación de Afonso II no século IX, e mantida ao longo de toda a Idade Media, ten nucleado, alimentado, fornecido e permitido o desenvolvemento do chamado feito xacobeo, materializado no itinerario cultural que coñecemos como Camiño de Santiago. A dificultade en canto ás fontes e o seu tratamento e dispersión teñen dificultado a tarefa de ofrecer un panorama claro sobre o feito peregrinatorio no numérico e no persoal: en casos concretos con nomes e apelidos.

A base de datos de peregrinos medievais (BADAPEM), desenvolvida polo Arquivo-Biblioteca da Catedral coa colaboración e financiación da Xunta de Galicia no seu programa O Teu Xacobeo, ofrécese como un portal de acceso e consulta pública, libre e gratuíta no que se poderán pescudar datos e referencias concretas peregrinos a Compostela entre os séculos IX e XV.

Pero quizais a principal novidade sexa a súa orientación: trátase dun portal colaborativo. Aqueles particulares ou institucións que teñan datos ou referencias concretas, e tras darse de alta como usuarios simplemente cun enderezo de email, poderán engadir novas entradas ao listado.

A ferramenta posibilita facer pescudas por lugares de procedencia, datas, profesións… E cada ficha, ademais, se poderá descargar como un pdf.

Pódese consultar en http://catedraldesantiago.es/badapem/