O ISCCR e Escolas Católicas reúnense para clausurar o primeiro curso de Especialista en Pastoral Educativa

Na tarde do mércores 25 de xuño, reuníronse no salón de actos do Instituto Teolóxico Compostelán, o grupo de alumnas que, dende marzo ata maio, estiveron a cursar de xeito intensivo, a formación de especialistas en pastoral educativa. Viñeron de latitudes diversas: La Salle de Santiago de Compostela, María Inmaculada de Vigo, Nosa Señora do Rosario de Arzúa, San José de Cluny de Vigo e o Colexio Juventud de Santiago.

O esforzo e o compromiso que adquiriron coa formación, cos seus respectivos centros educativos e consigo mesmas, viuse reflexado no traballo realizado.

Alí estiveron acompañadas polo director do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas, Miguel de la Mata Merayo, OFM; Charo Baleirón, a coordinadora do departamento de innovación pedagóxica de Escolas Católicas, profesorado do curso, persoal do centro e invitados das alumnas.

Ao longo das doce semanas de duración desta formación, houbo oportunidade para afondar nos contidos teolóxico-pedagóxicos máis significativos no desenrolo da pastoral escolar, cunha perspectiva actual, práctica e contextualizada, cunha invitación moi particular: ser conscientes de que a escola é unha plataforma evanxelizadora de primeiro nivel e, ademais, recoñecer a vocación pastoral como unha especificidade na vocación docente.