Un dos portos máis relevantes de baixura a nivel europeo. Concello dos máis poboados da diocese. O rei Afonso XIII concedeulle á vila unha titulación: “moi noble, moi leal e moi humanitaria cidade”. Quede consignado un relato histórico descriptivo do lugar: na madrugada do día 2 de xaneiro de 1921, o trasatlántico “Sta. Isabel” con 269 tripulantes (o barco recollía emigrantes en varios portos peninsulares para levalos a América) partía en dous na Ría de Arousa, preto da Illa de Sálvora. As primeiras en sair a socorrer a aquela xente foron tres mulleres da Illa (case baleira aquela noite). As denominadas“heroínas de Sálvora” arriscaron as súas vidas no medio dun forte temporal tripulando unha pequena dorna polbeira. Despois delas, a xente da vila mobilizouse: as embarcacións de Ribeira saíron a dar auxilio e no porto preparábanse para a acollida. Entrega, valor e xenerosidade para recoller na historia. Só puideron rescatar a 56 ocupantes, pois as condicións da mar fixeron que moitos morresen afogados. Feitos coma este deixan cicatriz con auga, sal e sangue alí onde se nace. Hoxe, os fieis da parroquia de Ribeira encomendan dun xeito particular a todos os diocesáns. A súa comunión é forza para a Igrexa.
Algúns signos de vida parroquial no tempo de coronavirus:
– Celebración diaria da Misa en Sta. Clara por parte do párroco, Alfonso Mera, quen encomenda a todos os fregueses e tamén aos afectados pola pandemia. Domingos e festivos a Eucaristía ten lugar na parroquial de Sta. Uxía. Os fieis únense desde as súas casas a esta oración.
– Elaboración de reflexións sobre cada un dos momentos principais da Semana Santa e da Pascua. Distintos colaboradores ían aportando as súas meditacións e compartíanse entre todos os grupos parroquiais que se manteñen en rede.
– Envío de distintos materiais de oración, formación e catequese. Propiciáronse distintos xestos externos para “decorar” un pouco as casas de toda a poboación, na honra do Salvador, con motivos propios do tempo litúrxico.
– Cercanía cos maiores: a pesares do distanciamento físico, a presenza dun equipo de Pastoral da Saúde na parroquia, así como unha Residencia da Terceira Idade, anima ao párroco e aos seus colaboradores a manter o contacto telefónico cos máis sós; a preocuperse polo seu estado de saúde; a ofrecerse para calquera necesidade ou xestión, envío de mensaxes motivadoras, etc.
– Confección cos mozos de varios videos parroquiais, mesturando os traballos de catequese, as mensaxes de ánimo e saúdo para compartir, fragmentos bíblicos, etc.